Yoigo non prohibirá o tethering
xoves, 26 de xaneiro do 2017
Cando Yoigo
anunciou hoxe que se convertía no operador líder en datos ao lanzar a primeira
tarifa ilimitada converxente non esperaba que se producise toda unha crise
de reputación para a compañía por culpa das modificacións nas condicións de
contratación nas que, sobre o papel,
incluíanse cláusulas de uso razoable
que daban a entender que Yoigo prohibía o uso do tethering (compartir a conexión de datos do móbil cun ordenador),
que non se permitiría a selección manual de rede móbil nas zonas na que Yoigo
contase con cobertura propia e incluso que ao acceder a YouTube dende o móbil
recibiríase unha versión dos vídeos de baixa calidade (como acontece con algúns
operadores norteamericanos, que permite un uso ilimitado de servizos de streaming desactivando a alta
definición).
Ao parecer, as condicións incorporadas por Yoigo nas condicións contractuais
simplemente buscan poder adoptar medidas ante usuarios que abusen das súas
liñas, facendo usos que poderían afectar ás conexións do resto de usuarios da
rede móbil. Non se trataría así dunha prohibición absoluta, senón dun simple
aviso e, de feito, tiveron que publicar nas redes
sociais unha comunicación para tranquilizar aos clientes na que aseguran
que «Podes compartir Internet (tethering) como sempre. Podes seguir utilizando
YouTube coa calidade de sempre».
Sobre as tarifas converxentes anunciadas hoxe dende Yoigo destaca que contan
con datos 4G; chamadas ilimitadas a fixos nacionais e 60 minutos a móbiles nacionais
dende o fixo; e a opción de elixir entre fibra simétrica de 300 Mbps, fibra de
50 Mbps ou ADSL. Teñen así unha oferta bastante flexible na que o cliente pode
optar pola tarifa móbil que máis se adapte ao seu consumo e, a partires e aí,
combinar o servizo coa banda larga fixa que prefira (ou teña dispoñible na súa
zona). O prezo de engadir Fibra de 50 Mbps ou ADSL a unha liña móbil de Yoigo
sería de 27 euros, mentres que o prezo de engadir fibra simétrica de 300 Mbps
sería de 37 euros (en ambos casos 20 euros corresponderían á cota de liña).
Estiman que con respecto a outras ofertas semellantes con Yoigo os clientes
poderían aforrar entre o 20 e o 30% da súa factura mensual.
- Táboa coas novas tarifas de Yoigo