YouTube dá máis espazo en pantalla aos vídeos en alta definición
venres, 19 de decembro do 2008
- A interface de YouTube reserva máis espazo para os vídeos en alta definición, coma podemos comprobar no popular clip Where the hell is Matt? (se accedemos ao vídeo en inglés)
Para evitar que
os seus competidores lle arrebaten mercado nun momento no que o vídeo en alta
definición está a emerxer con forza incluso nas gravacións domésticas, YouTube
está a mellorar a calidade dos seus vídeos, e aparte de permitir a súa
visualización en modo estándar e de alta calidade, tamén conta cun modo de alta
definición a 720 liñas en progresivo, opción presente cando
accedemos á súa web coa interface configurada en inglés, o que dende as últimas
horas ten un grande cambio: se aumenta a anchura do reprodutor de vídeo de
YouTube desprazando os contidos que tradicionalmente presentaba á súa dereita
cara abaixo, quedando o vídeo en reprodución nunha posición preferente nun
recadro de 852 x 480 píxeles, que aínda que é bastante menos da resolución real
dos clips (1.280 x 720 píxeles) permite unha visualización bastante boa sen ter
que recorrer á reprodución en pantalla completa (a ideal para este tipo de
contidos).
Tamén estrearon unha categoría
na que se recollen os vídeos en alta definición en YouTube, para que
os usuarios poidan localizar este tipo de contidos con facilidade, e así tirar
proveito de conexións de banda larga e grandes monitores á hora de ver contidos
de vídeo na web en caso de non conformarse coa mala calidade que ofrecía YouTube
nos seus comezos.
De feito, dende YouTube están a cambiar as súas recomendacións á hora de subir
vídeos ao seu sistema, pedindo aos usuarios que carguen as súas gravacións a
1.280 x 720 píxeles (no caso de clips en alta definición) ou a 640 x 480
píxeles (para vídeos en definición estándar). Engaden que non se deben inserir
bandas negras verticais nos vídeos que estean gravados en formato panorámico,
pois neses casos o seu reprodutor os presentaría a un tamaño demasiado
reducido. Queda así establecido con firmeza o formato panorámico en YouTube, o
que tamén debería facer a televisión nos vindeiros anos, pois non resulta
lóxico que se estean a vender maioritariamente televisores panorámicos (16:9) á
vez que os contidos que achegan as canles de televisión están en formato 4:3.