YouTube dálle azos ao potencial xornalístico dos seus usuarios

venres, 12 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Entre as moitas webs que poden hoxe en día apostar polo xornalismo cidadán, YouTube teno especialmente doado. De feito, case se podería dicir que non lle queda outra vía que levalo a cabo, tendo en conta a gran cantidade de usuarios cos que conta no mundo e facendo por ela unha boa parte do seu traballo (aínda que agora din que se vai remunerar parte dese labor de subministro de vídeos). O caso é que segundo están a informar medios como Elpais.com, o movemento de YouTube a prol da comunicación popular vén de consumarse, e todo apunta a que se trata do comezo dunha longa serie de accións neste senso. A primeira pedra non é outra que o concurso Proxecto: Reportaxe, un certame organizado ombro con ombro co Pulitzer Center on Crisis Reporting e coa participación de Sony e Intel.
O obxectivo da proposta, como dixemos, é tirar partido do gran potencial xornalístico dunha boa parte dos usuarios do servizo en liña de vídeos. Máis concretamente animándoos a converterse en reporteiros do mundo e a producir vídeos curtos sobre información que decote non aparece reflectida polos grandes medios.
O proxecto, que vén dotado cun premio final de 7.000 euros, vaise desenvolver en tres etapas: unha primeira dedicada á selección de vídeos por parte de Pulitzer, unha segunda na que esas obras serán sometidas a votacións na propia web de YouTube e unha terceira na que os cinco finalistas resultantes sexan de novo obxecto de valoración por parte da comunidade internauta. O gañador recibirá a devandita cifra de cartos e máis a posibilidade de traballar co dito centro Pulitzer co obxectivo de poñer en imaxes unha cuestión salientable e actual que afecte á meirande cantidade de países. Por certo que onte mesmo abriu o prazo para a presentación de traballos, que ficará operativo até o vindeiro 6 de outubro.

PUBLICIDADE