YouTube experimenta co uso de móbiles Android coma mandos a distancia

mércores, 10 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Cada vez temos máis opcións para levar os contidos da Internet ao televisor do salón, algo do que son moi conscientes dende YouTube, de aí que hai uns meses lanzasen YouTube Leanback como unha interface web do seu servizo de vídeo orientada á súa visualización a pantalla completa, e avanzando nesta dirección presentan agora unha aplicación chamada YouTube Remote que xa está dispoñible no Android Market e que permite converter terminais con Android en mandos a distancia de YouTube.
Deste xeito, dende o móbil podemos xestionar listaxes de reprodución para ver en grande tamaño nun televisor, podendo controlar tamén a reprodución dos vídeos e o nivel de volume dos mesmos.
Esta aplicación para móbiles con Android aínda está en fase de probas, e serve para experimentar con características que non están na aplicación oficial de YouTube para Android, e que deste xeito poderán madurar dun xeito seguro para a súa adopción oficial nos vindeiros meses. Por desgraza, a aplicación YouTube Remote aínda non está dispoñible para a súa descarga dende España, pero dende Google están a traballar para levala a fóra dos EE.UU. en breve.


Demostración do funcionamento de YouTube Remote nun Samsung Galaxy Tab

PUBLICIDADE