La Voz de Galicia denuncia a precariedade da banda larga en Galicia

martes, 11 de decembro do 2007 Marcus Fernández

O CPI de Mazaricos podería deixar ós seus alumnos sen notas este Nadal por falta de banda larga

A crítica situación da banda larga en Galicia foi un tema abordado onte polo xornal La Voz de Galicia, que denunciou que non só 8.700 núcleos galegos carecen de ADSL, senón que uns 13.102 veciños das cidades carecen deste tipo de conexións (cantidade que se triplica ó ter en conta as áreas metropolitanas).
Para ilustrar a situación coméntanse as dificultades do Colexio Publico Integrado de A Picota, que por falta de cobertura de ADSL teñen un acceso limitado á plataforma Xade Web que empregan case tódolos centros galegos, e que podería deixar ós nenos sen as súas notas antes de Nadal.
Dende o CPI de Mazaricos aseguran que en anos anteriores xestionaban as cualificacións do alumnado nun servidor informático local, pero que a Consellaría de Educación lles comunicou que agora teñen que introducir os datos nun portal de Internet, o que apenas poden facer xa que a súa conexión á Rede é demasiado lenta (contan cunha conexión RDSI) e para xerar os boletíns e as actas de cualificación dos cursos de primaria a aplicación demorou máis de 48 horas o curso pasado.
Sobre esta polémica, La Voz abriu o debate entre os seus lectores, preguntando se a Xunta fai todo o posible por levar unha Internet de calidade ó rural, o que no momento de escribir estas liñas en un non por resposta no 80% dos casos, aínda que compre destacar que este tema non é de competencia autonómica e a dispersión xeográfica complica excepcionalmente o caso galego, que é un dos peores de todo o Estado.
Fernando Domínguez, responsable de Telefónica para a execución do Programa de Extensión do Acceso á Banda Larga (PEBA) asegura que nos vindeiros 10 meses chegarán ó 90% de cobertura nas zonas de aplicación do plan mediante tecnoloxías ADSL e WiMAX en 20.000 núcleos galegos e por satélite nos máis de 8.000 restantes.

PUBLICIDADE