O autobús da Rede de Dinamización repartirá copias do Galinux polas vilas galegas

xoves, 29 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria, pon en marcha un autobús informativo sobre as novas tecnoloxías que, a partir de hoxe, xoves 29, percorrerá 15 municipios galegos durante un total de 15 días.
O autobús permanecerá un día en cada unha das localidades -aproximadamente de 11.00 a 15.00 e de 14.00 a 20.00 horas- para dar a coñecer as actividades da Rede de Dinamización, pero tamén para presentar o Galinux, o completo sistema operativo de fontes abertas en galego desenvolvido por Mancomún.
O vehículo estará equipado con computadores instalados integramente con software libre, así como con conexión a Internet. A estes terminais poderá acceder libremente a xente que visite esta unidade móbil nas horas estabelecidas pola organización para tal fin.
Asemade impartiranse diferentes actividades en volta das novas tecnoloxías como poden ser, entre outras, a realización dun obradoiro de Alfabetización dixital: Informática e Internet, a proxección de vídeos sobre a Rede ou a distribución de folletos informativos e copias do Galinux á poboación do lugar.
A finalidade desta iniciativa, ao igual que a de todas as actuacións previstas pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, é a de seguir achegando as novas tecnoloxías, baseadas en estándares e códigos abertos, e a sociedade da información a toda Galicia.

Itinerario

O percorrido do autobús e os lugares onde estará estacionado é o seguinte:
- Sada: aparcamento La Terraza (xoves 29 de xaneiro).
- Ames: parking Carrefour, en Bertamiráns (venres 30 de xaneiro).
- Tomiño: praza preto do Concello (sábado 31 de xaneiro).
- Nigrán: proximidades do Concello (domingo 1 de febreiro).
- Pontevedra: Praza Ferrería (luns 2 de febreiro).
- Sanxenxo: curva Praia Silgar, no acceso ao Porto Juan Carlos I (martes 3 de febreiro).
- Cuntis: Praza das Árbores / Rúa da Igrexa (mércores 4 de febreiro).
- Vilagarcía de Arousa: Avda. da Mariña, a carón do Centro Comercial (xoves 5 de febreiro).
- Manzaneda: Praza Rueda (venres 6 de febreiro).
- Castrelo de Miño: Avda. Alejandro Ferrer, a carón do Club Náutico (sábado 7 de febreiro).
- Burela: Rúa da Estación, a carón da praza (domingo 8 de febreiro).
- Lugo: Avda. Ramón Ferreiro / Rúa Aguirre (luns 9 de febreiro).
- Ribadeo: parque San Francisco (martes 10 de febreiro).
- Carballedo: Avda. dos Peares / Camiño da Feira (mércores 11 de febreiro).
- Mondoñedo: Praza do Seminario, a carón do supermercado (xoves 12 de febreiro).

PUBLICIDADE