37 estacións de tren ofrecen Wi-Fi de pago subministrado por Telefónica

xoves, 27 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

Anualmente, polas estacións de ferrocarrís españolas transitan máis de 170 millóns de viaxeiros e viaxeiras, dos cales, unha boa parte leva consigo diversos aparellos electrónicos como móbiles, iPods, smartphones ou ordenadores portátiles, que de ter ocasión (e dispor da tecnoloxía axeitada) poden conectarse á Rede e facer a estadía dos pasaxeiros máis curta e amena. Grazas a un acordo acadado entre Adif e Movistar, moitas estacións da nosa Comunidade, xunto con outras de Asturias, Castela e León, Cataluña, Aragón, Castela-A Mancha, Andalucía e Extremadura, ofrecen Wi-Fi aos seus viaxeiros e outros usuarios. En total son 37 as estacións de tren das devanditas Comunidades que ofrecen Internet sen fíos nas súas instalacións grazas a un servizo de pago froito do contrato de instalación e comercialización de Wi-Fi asinado entre Telefónica e o ente público dependente do Ministerio de Fomento, valorado en 300.000 euros. En virtude deste proxecto, un total de 68 estacións do cento que xestiona Adif contan xa cunha infraestrutura para ofrecer esta conexión sen fíos a Internet. En 37 delas o servizo xa está a disposición dos clientes e nas 31 estacións restantes “estarao en breve, cando se aborden os últimos procedementos administrativos”, afirmaron. Para acceder a este servizo, os viaxeiros deben adquirir unha tarxeta de acceso nos distribuidores situados na zona ou en caixeiros automáticos e posteriormente situarse no lugar de cobertura sinalizado en cada estación, arrincar o seu equipo e seleccionar a rede de zona Wi-Fi de Movistar. Ao abrir o navegador de Internet abrirase unha páxina de benvida á zona Wi-Fi onde o usuario ou usuaria atopará a opción para conectarse, introducindo o número de usuario que conteña a tarxeta adquirida.

PUBLICIDADE