A Delegación da Xunta en Vigo estrea rede Wi-Fi pública

xoves, 7 de xuño do 2012 Redacción

María José Bravo Bosch, presentou esta mañá o novo servizo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, presentou esta mañá o novo servizo de tecnoloxía Wi-Fi que a Administración autonómica achega aos cidadáns que veñan a facer os seus trámites ao edificio da Xunta en Vigo. O obxectivo desta iniciativa é “incorporar e facilitar as novas tecnoloxías á vida ordinaria dos usuarios e usuarias, e tamén dos profesionais, dunha forma rápida e áxil”.
Deste xeito, os cidadáns poderán acceder aos servizos prestados pola Xunta de forma libre e sen ningún tipo de custo conectándose dende calquera tipo de dispositivo móbil que dispoña de Wi-Fi.
A nova rede sen fíos (xa implantada en Santiago, Lugo e Ourense) está operativa nas zonas do edificio de Vigo onde se prevé a súa máxima utilización e unha maior afluencia de público. Segundo estimacións da AMTEGA, o sistema poderá ser utilizado por unhas 10.000 persoas ao ano cunha media de 50 usuarios ao día.
Aínda que o acceso será libre e sen custo, contará coas restricións xa existentes a día de hoxe e propias da Rede Corporativa da Xunta de Galicia. Bravo Boch detallou que “existirá un filtrador de contidos para garantir a seguridade no acceso”.

PUBLICIDADE