A Deputación de Lugo presenta en Monforte as súas iniciativas de fomento TIC para as PEME e para os maiores
venres, 30 de xaneiro do 2015
A Deputación
de Lugo presentou este xoves no centro de asesoramento tecnolóxico
que abriu en Monforte de Lemos o seu servizo gratuíto de apoio e
formación individualizada. Na posta en longo do servizo, os
responsábeis do órgano provincial sinalaron que se trata dunha
achega especialmente deseñada para PEME e autónomos, que é cen por
cen de balde e que foi programada para fomentar a incorporación e
uso de ferramentas tecnolóxicas no tecido empresarial. No acto
participaron a deputada de Economía, Pilar García Porto, e o
director de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera Capón.
García e Rivera lembraron as vantaxes das novas
tecnoloxías para o ámbito produtivo (melloras na competitividade e
no funcionamento das empresas) e convidaron aos asistentes a
participar nas actividades formativas e divulgativas que porá a
Deputación á súa disposición no centro de asesoramento
tecnolóxico monfortino para amosarlles novas ferramentas TIC. Tamén
informaron que a Deputación desenvolverá tres aplicacións móbiles
para potenciar os sectores estratéxicos da provincia:
agroalimentario, turístico e forestal. As empresas que queiran
beneficiarse ou coñecer máis sobre esta iniciativa, cofinanciada ao
80% por fondos europeos, poden facelo no teléfono 982-225-186, ou
ben achegándose ao centro de asesoramento de Monforte, situado na
rúa Escultor Francisco Moure, 17.
A maiores, a Deputación informou doutra actividade
na que participou esta semana en Monforte, máis polo miúdo no seu
Centro do Viño. Tratouse da xornada informativa Viños
e TIC, convocada
co obxectivo de afondar nas oportunidades que ofrecen as
TIC ao sector vitivinícola. O deputado de Cooperación e Asistencia
aos Concellos, Álvaro Santos, acompañado do director de Fondos
Europeos e Novas Tecnoloxías, foi o encargado de abrir a xornada,
enmarcada dentro do plan Innova-TE2, cofinanciado por fondos
europeos. Santos salientou que “as novas tecnoloxías fornecen un
plus engadido ao sector” e destacou a a creación da plataforma de
comercio electrónico losproductosdelugo.com,
o selo LugoSabe ou o plan Dinamízate.
Por último, García Porto e Rivera Capón tamén
tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o centro de
maiores monfortino Geriatros, no que se está a desenvolver
o programa Memoria Dixital Tic-Tac, un programa da Fundación
TIC dirixido a crear un rexistro audiovisual de parte da historia da
provincia a través das testemuñas dos participantes nesta
iniciativa. Memoria Dixital Tic-Tac abrangue nove
obradoiros, que se desenvolverán ata o 28 de febreiro en todas as
comarcas da provincia.