A Fundación Telefónica inclúe dúas iniciativas galegas entre os finalistas dos seus premios ao ensino TIC
xoves, 8 de outubro do 2015
A Fundación
Telefónica incluíu dúas iniciativas galegas de innovación no
ensino (os proxectos Barxilón no mar de Latón, do IES As
Barxas de Moaña e Unha educación para o Século XXI, do CPI
O Cruce de Cerceda), entre a ducia de finalistas do Premio
Escolas para a Sociedade Dixital 2015, uns galardóns dirixidos a
salientar e distinguir os esforzos a prol de comunidades educativas
integradas co mundo dixital, “optimizando a través das TIC os
procesos de ensino nas aulas”. Segundo informa a Fundación
Telefónica, cada finalista recibe un premio de 1.000 euros cada un.
Todos eles terán que presentar en novembro as súas propostas
perante unha comisión de expertos, e en febreiro do ano vindeiro
celebrarase a entrega de galardóns. O primeiro premio é de 9.000
euros e o segundo de 4.000.
Polo que respecta ás
iniciativas galegas, Unha educación para o Século XXI (que
ten presentación de seu en YouTube) consiste en boa medida en
achegar un cambio de rumbo para o futuro do centro do que abrolla,
enfocando esta nova estratexia “a fomentar as competencias dixitais
do alumnado, a internacionalización e a súa integración no mundo
laboral mediante a incorporación das TIC, o fomento da innovación e
a avaliación continua dos estudantes e da actividade dos docentes”.
Polo que atinxe a Barxilón no mar de Latón, tamén
ten vídeo de presentación propio en YouTube e consiste,
brevemente, nun libro ilustrado obra de 150 alumnos de 3º e
4º de la ESO do CEIP A Rúa (Cangas), do CEIP Espiñeira (Aldán),
do IES Sánchez Cantón (Pontevedra) e do IES Xulián Magariños
(Negreira), ademais do IES As Barxas. Segundo se fai saber, os
estudantes colaboraron e traballaron en todos os treitos da
iniciativa, dende a escolma dos textos até a distribución, pasando
polas tarefas de ilustración e maquetación.