A UDC e Corunet unen forzas para promover a ciencia aberta a través do software
mércores, 23 de marzo do 2022
Este xoves 24 de marzo formalízase na UDC a creación
da Cátedra Corunet, da que formarán parte a Universidade da Coruña
e a empresa Corunet SLU, a través dun
acordo co que se quere
dar un impulso á ciencia aberta a través do software CAT00521.
A respecto das causas que motivaron a creación da cátedra, a UDC
sinala que “se pensamos na tecnoloxía en xeral, e no software en
particular, ambos recursos mudaron o xeito en que se fai ciencia,
pois dende a recollida de datos e a realización de experimentos até
a análise de resultados, todo está apoiado en software”. Porén,
engaden a UDC e a devandita empresa TIC este software científico non
pode reutilizarse de maneira doada dun proxecto de investigación a
outro porque non se fai pensando na súa reutilización. A finalidade
da Cátedra Corunet é “tender pontes entre o persoal informático
e científico para mellorar este software e contribuír a
reproducibilidade da ciencia fomentando o acceso aberto a ese
software científico”.
En resumo, coa creación desta Cátedra perséguese: poñer en valor
a transcendencia que ten o desenvolvemento de software como motor da
I+D+i nos seus diversos eidos; apostar pola calidade, a sostibilidade
e a transferencia efectiva á sociedade das ferramentas de software
empregadas na investigación, contribuíndo a fomentar o novo
paradigma industrial 4.0; promover o código e ciencia abertas, así
como a colaboración entre a comunidade de desenvolvemento de
software e a comunidade investigadora e, por último, contribuír á
consolidación da Coruña como un referente galego, nacional e
internacional no ámbito do desenvolvemento de software e das
tecnoloxías da información.