A UNED e o CIA de Ourense pechan o ciclo de relatorios de alto nivel sobre Intelixencia Artificial
venres, 28 de maio do 2021
O
investigador da UNED Martín
Arevalillo impartiu este 28 de maio a última conferencia do ciclo
que esta Universidade (a través do Vicerreitorado de Investigación
e Transferencia) deseñou para Ourense (o Centro de Intelixencia
Artificial) sobre ciencia de datos e tecnoloxías avanzadas de
análise da información (o ciclo Os Venres con IA).
Clausuraron o programa os directores do Centro de IA de Ourense, da
Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da UNED e de
UNED Ourense, augurando “unha colaboración frutífera para abrir
camiños neste eido”.
Martín
Arevalillo centrou o seu relatorio no potencial da analítica de
datos e a Intelixencia Artificial para o ámbito dos negocios.
Sinalou que nos últimos anos “estamos a ser testemuñas dunha
revolución tecnolóxica que está a transformar o mundo en que
vivimos; a dixitalización dinamizou os procesos de cambio da
sociedade do século XXI cara a un novo escenario gobernado pola
información e os datos”. Segundo fixo saber, nesta contorna de
cambio “as distintas organizacións e actores económicos víronse
ante a necesidade imperiosa de impulsar medidas para a reconversión
das súas estruturas operativas, a fin de adaptalas a esta nova
contorna no que o dato é un activo que cotiza á alza”.
Na
conferencia impartida en Ourense examinou o fenómeno da explosión
do dato, “que nos gusta denominar o big bang dos datos,
facendo fincapé no papel protagonista que desempeña a Ciencia de
Datos ante o desafío analítico de transformar as unidades de
información en solucións que poidan ser aplicadas polas
organizacións, tanto públicas como privadas, a modo de panca de
cambio para a eficiencia e a mellora competitiva”.
O
relator debullou casos de éxito empresarial en materia de aplicación
de algoritmos matemáticos desenvolvidos pola investigación en
Ciencia de Datos, dous proxectos de transferencia de tecnoloxía
avanzada para a banca comercial: “Ambos os casos poñen de
manifesto que a transferencia da investigación académica é
rendíbel e retorna valor”, dixo.
A
clausura
Na
clausura deste ciclo, o director do Centro de Intelixencia Artificial
de Ourense, David Olivieri, dixo que a xornada deste venres 28 marca
“un fito importante na traxectoria do noso centro. Hoxe clausuramos
o II ciclo de seminarios en colaboración coa UNED. As charlas non só
foron interesantes a nivel intelectual, senón que tamén serviron
como punto de partida para unha colaboración en traballos e
proxectos reais no futuro. O froito de coñecer algúns traballos que
fixeron distintos grupos de investigación da UNED no ámbito de IA
permítenos atopar direccións en común”. E engadiu: "Aínda
que estamos a pechar este ciclo de seminarios, isto é un comezo
dunha relación produtiva".
O
director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática,
Rafael Pastor Vargas, agradeceu a Jesús Manuel García e a David
Olivieri “o traballo realizado durante esta época tan convulsa de
pandemia na organización do ciclo de conferencias. Debo
agradecerlles de maneira especial que pensen e conten coa Escola de
Informática da UNED e permitíronnos mostrar nestas conferencias a
calidade do traballo de investigación e innovación que fan os
diferentes departamentos e grupos de investigación da Escola”.
Pola
súa banda, o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz,
sinalou que a Universidade Nacional a Distancia é unha das
institucións que se comprometeron seriamente co Concello de Ourense
a participar no proxecto local do Centro de Intelixencia Artificial:
“Sempre coa bandeira do coñecemento e a ciencia por diante, a UNED
preparou para esta cidade un seminario de alto nivel, tanto
científico como divulgativo, segundo o tema a tratar. Todos os
relatores son grandes investigadores en IA da Universidade a
Distancia e deixáronnos o listón alto cos seus proxectos e
investigacións punteiras”.
Segundo
lembrou, “este ciclo tivo unha primeira fase dotada de 4 relatorios
e 9 na segunda. Faláronnos de IA aplicada ao medicamento, ao
deporte, á Axenda 2030, á tradución automática, aos vehículos
autónomos; faláronnos dos algoritmos evolutivos e as súas
aplicacións; tamén de IA en contornas educativas e sociais así
como o rumbo en sistemas de avaliación. Expúxose coñecemento e
abríronse portas para contactos e para colaboración científica”,
rematou García.