A actualidade do Diario Oficial de Galicia ofrécense en formatos abertos

luns, 18 de marzo do 2013 Redacción

Avanzando na reutilización da información xerada pola Administración pública, o Portal Abert@s da Xunta vén de estrear unha canle RSS cos datos publicados polo Diario Oficial de Galicia que facilita o seu acceso en formatos abertos mediante subscrición, o que pode resultar práctico tanto para a súa consulta como para o desenvolvemento de aplicacións ao seu redor. Coas subscrición por RSS é posible manterse informado sobre a actualidade do DOG sen ter que visitar activamente a súa páxina web a diario, podendo recibirse a información publicada só nos ámbitos do noso interese, xa que o fluxo RSS ofrecido permite a subscrición por sección do Diario, por rangos, por temas e por colectivos.

Os contidos do DOG están xa dispoñibles mediante distintos fluxos RSS

Deste xeito podemos automatizar a recepción das publicacións do DOG sobre oposicións e concursos, sobre decretos, sobre ciencia e tecnoloxía, sobre autónomos... adaptando as nosas subscricións aos nosos intereses, á vez que se facilita o seu acceso a ferramentas profesionais que poidan aproveitar toda esa información para desenvolver servizos de grande utilidade.
Nos vindeiros días o Portal Abert@s ten previsto publicar máis información de interese, como os datos das eleccións municipais de 2001, estando a traballar tamén na incorporación de distintos rexistros administrativos da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, como as fundacións de interese galego, asociacións, entidades locais ou empresas de xogo.

PUBLICIDADE