A aplicación DispoApp de Santiago duplica a cifra de establecementos hostaleiros participantes
mércores, 17 de agosto do 2016
A ferramenta DispoApp do Concello de Santiago,
presentada o pasado 9 de xuño, está a colleitar un salientábel
éxito de participación dende o seu lanzamento. Como
lembraremos, foi desenvolvida integramente por Turismo de Santiago
para informar en tempo real nas oficinas de información turística
sobre a dispoñibilidade de prazas nos establecementos hostaleiros da
cidade. A idea, sinalou o Concello daquela, era dar resposta á
importante actividade de consultas rexistradas nas ditas oficinas
sobre a dispoñibilidade de prazas dispoñibles en hoteis, pensións
e albergues. A clave, materializada a través de DispoApp, foi
permitir que fosen os propios establecementos os que cargasen na
aplicación a dispoñibilidade de prazas que teñen en cada momento.
A ferramenta púxolle fin, definitivamente, á
solución tradicional de ofrecer dende os centros de atención
listaxes de teléfonos de establecementos sen máis información
sobre se contaban con vacantes ou non. Segundo
puidemos saber, as cifras acadadas até agora por DispoApp están a
ir alén das primeiras expectativas dos hostaleiros e dos técnicos
de turismo. Así, dende xuño atendéronse máis de 5.000
consultas, cunha media diaria superior a 80 reservas. Ademais, en
breve incluiranse melloras para impulsar aínda máis o medre e
espallamento da ferramenta. Segundo puido saber Turismo de Santiago,
as vantaxes máis valoradas polos turistas teñen que ver coa
“facilidade de uso da aplicación, tanto para introducir datos como
para procuralos”.
Características e funcionamento
DispoApp é de balde para os aloxamentos da cidade e
para os visitantes. Segundo salientou o Concello na presentación, “o
proceso de carga é moi sinxelo e rápido para os establecementos; en
apenas dez segundos poden indicar os cuartos que teñen dispoñíbeis
en cada momento e os seus prezos”. Esta información pode
actualizarse ao longo do día todas as veces necesarias. A
actualización poderá facerse dende diferentes plataformas,
ordenadores, teléfonos ou tabletas, para que sexa o máis sinxelo
posíbel.
Durante o mes de maio, a ferramenta estivo funcionando
con éxito nunha primeira fase de probas, nun proceso no que
colaboraron arredor de 30 pensións e albergues da cidade. A día de
hoxe, poden empregar a ferramenta todos os establecementos da cidade,
máis alá de cal sexa a súa tipoloxía e a súa categoría, xa que
o obxectivo é ter a maior información posíbel en tempo real sobre
as prazas que hai dispoñíbeis en cada momento. De feito, arestora a
cifra de establecementos participantes é de 59 (21 hoteis, 19
pensións, 14 albergues, 4 apartamentos turísticos e unha casa de
turismo rural).