A ferramenta EMi xa está plenamente operativa das 54 Oficinas de Emprego de Galicia

mércores, 26 de xuño do 2024 S. P.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, debullou este 26 de xuño algúns dos principais detalles da iniciativa autonómica para a modernización tecnolóxica do Servizo Público de Emprego de Galicia co apoio da Intelixencia Artificial, a través de ferramentas como EMi, co fin de cubrir as vacantes laborais existentes en Galicia (“unha das principais preocupacións do tecido empresarial galego”, dixo) e de favorecer a ocupación das persoas que estean buscando activamente emprego. González estivo acompañado polo directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e polo subdirector xeral do Servizo Público de Emprego de Galicia, Santiago Boquete.
Segundo dixo, este software está dispoñíbel a día de hoxe nas 54 Oficinas de Emprego de Galicia, “facilitando a conexión da oferta e demanda en tempo real mediante recomendacións baseadas na Intelixencia Artificial”. E engadiu: “Trátase dunha ferramenta pioneira en España e en Europa que ten como principal función o perfilado competencial co fin de localizar o mellor talento e as persoas que recorran a el poidan consolidar a súa traxectoria profesional”.
José González lembrou que a semana pasada na reunión que mantivo en Bruxelas con representantes da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Unión Europea se recoñeceu a EMi como unha ferramenta diferencial e aliñada coas políticas que se están a preparar para implantar nas diferentes rexións europeas.
“Con EMi”, afondou o conselleiro, “o Goberno galego busca seguir avanzando na detección de competencias para facilitar aos orientadores laborais a toma de decisións de cara a aumentar a empregabilidade das galegas e galegos e así mellorar as súas oportunidades para atopar un traballo estable e de calidade”.
Ao mesmo tempo, engadiu José González, “é necesario flexibilizar a formación a través de píldoras formativas de máis curto prazo coas que dar os coñecementos necesarios aos traballadores para cubrir un posto de traballo, é dicir, as competencias que están demandando as empresas; deste xeito, trátase de atender as súas necesidades en relación coa cobertura de man de obra en distintos sectores e facilitarlles solucións adaptadas ás súas realidades”.
As persoas ás que vai destinado o perfilado competencial que realiza EMi son demandantes de emprego con máis de 30 días de desemprego e que non teñan un perfilado realizado nos últimos 2 anos. Tamén as que participan no programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, que no seu primeiro ano de funcionamento facilitou a contratación de máis de 3.700 galegas e galegos.
“Estas persoas”, explicou o titular de Emprego, “reciben unha cita de orientación para realizar a diagnose previa da súa situación de partida que require o perfilado competencial, na que se ten en conta habilidades, competencias, formación e experiencia profesional, idade ou ámbito territorial”. Desta cuestión faise seguimento a través do programa de seguimento da demanda de emprego. Neste sentido, José González advertiu da importancia de que nas listas estean aqueles que realmente están demandando activamente emprego.
Ademais, lembrou que “co programa de perfilado competencial, aprobado hai uns días polo Consello da Xunta, refórzase ese labor que realiza EMi ao incorporarlle datos de calidade que permiten facer unha tradución directa de ocupacións do código nacional CNO a competencias da clasificación europea ESCO”.
Segundo lembrou José González a previsión é que se poidan beneficiar do perfilado competencial máis de 70.000 persoas no período dun ano. Este perfilado será realizado polos máis de 400 orientadores do Servizo Público de Emprego de Galicia, entre os que se atopan os 136 cos que a Xunta reforzou este servizo no 2023 e os que financia nas entidades locais e sen ánimo de lucro.

PUBLICIDADE