A galega Satdata leva a SICUR a súa tecnoloxía

luns, 27 de febreiro do 2012 Raquel Noya

A partir de mañá, e ata o vindeiro 2 de marzo, celébrase en Madrid o Salón Internacional da Seguridade, onde a firma galega Satdata, levará as súas últimas achegas en materia de solucións de transmisión da información en mobilidade para situacións de emerxencia.
Ademais das ferramentas habituais baseadas en software de seu de xestión e control de elementos móbiles, Satdata, que estará situado no pavillón 8, presentará en Ifema as súas últimas novidades específicas para corpos de seguridade e emerxencias, tales como S-ABIZOR ou S-FIRE, desenvolvidas no seu centro de I+D+i da Coruña, que na Feira poderán verse funcionando en tempo real.
S-FIRE é unha solución para a xestión integral de corpos de loita contra incendios que se compón dun CarPC (un ordenador con pantalla táctil adaptado para soportal altas temperaturas, vibracións, po...) e do software específico Satdata, deseñado de xeito que permite facilitar os labores de control e extinción de incendios. Para isto, S-FIRE, que Satdata describe no seu blog, inclúe, entre outras ferramentas tecnolóxicas, funcións de mensaxería GPRS entre o CarPC e o centro de control, comunicación vía radio e seguimento do cumprimento das rutas.
A outra novidade que Satdata presentará en Madrid, a S-ABIZOR, é unha solución para a conexión e transmisión de arquivos audiovisuais en tempo real, que achega vantaxes no eido da seguridade viaria e o tráfico.
Esta ferramenta tecnolóxica permite obter información detallada sobre os vehículos e as persoas que se atopan nas vías públicas para levar un control exhaustivo das mesmas, e tamén permite controlar en tempo real o seu estado ou gravar e recuperar o tramo de tempo dunha determinada alarma para o seu posterior visionado e análise.
Asemade, esta solución xera datos para a análise xeométrica das estradas e a planificación do seu mantemento, así como estimacións de beneficio, sincronización de sinais viarias, deseño de sistemas de control e seguridade...
Satdata tamén aproveitará a cita para presentar dispositivos específicos para a seguridade pública e privada que usan tecnoloxía de seu, como un brazalete GPS deseñado para a seguridade persoal avanzada, un chaleco antibalas con detección de impacto e GPS, un localizador persoal de peto ou un dispositivo GPS tipo lapa con software Satdata.

PUBLICIDADE