A mostra Elas Fan Tech chega ao campus de Pontevedra
mércores, 20 de novembro do 2013
O
proxecto expositivo do espazo Normal da Universidade da Coruña
dirixido a pór de manifesto o pulo das mulleres creadoras na arte e
a comunicación dixital, Elas
Fan Tech, chega ao campus de Pontevedra. A inauguración da
mostra na cidade do Lérez celebrarase este xoves 21 de novembro ás
12:30 horas. A exposición ocupará a Sala X, o espazo de exposicións
do Campus de Pontevedra, pertencente á Universidade de Vigo, desde
ese día até o 17 de xaneiro do vindeiro ano. Con este diálogo no
eido cultural, ambas institucións apostan por desenvolver novas vías
de colaboración alén dos ámbitos académico e investigador.
Producido
por Normal e comisariado por Anxela Caramés, o proxecto reuniu o
traballo dunha serie de artistas españolas e internacionais que
veñen explorando as posibilidades expresivas dos medios tecnolóxicos
na súa obra. “Doce artistas que entrecruzan o factor lúdico co
científico, o humor coa fantasía ou a política, mesturando
estética e ciencia en múltiples medios dixitais”, explican dende
Normal a conto deste proxecto expositivo. Esta mostra, que acubilla
obras de Yasmina Morán, Inés Parcero, Bego M. Santiago, Anna
Katarina Martin, Lilia Villafuerte, Fátima Castaño, Chris Sugrue,
Francesca Mereu, Anaisa Franco, Mariana Carranza, Victoria Diehl e
Nuria Cano, ocupou a sala de exposicións de Normal entre o 21 de
xaneiro e o 9 de marzo deste ano.