A primeira páxina web creada baixo o dominio .gal presentarase o vindeiro día 16

mércores, 7 de maio do 2014 Marcus Fernández

O presidente da Asociación PuntoGal durante a gala dos Premios da Cultura Galega 2013

Tras a delegación do dominio .gal por parte de ICANN o pasado 11 de abril, quedaba por saber cales serían as condicións nas que poderemos comezar a gozar do dominio de Internet para a sociedade galega, de aí que a Asociación PuntoGal vaia informar das fases de lanzamento do dominio, as especificacións e os prazos, prezos e requisitos para acceder a un dominio .gal nun acto que desenvolverase o vindeiro 16 de maio ás 11:00 horas no Edificio CINC da Cidade da Cultura, aproveitando que ao día seguinte celébrase o Día das Letras Galegas e o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (tamén coñecido como Día da Internet).
O acto contará coas intervencións de Manuel González González, presidente da Asociación PuntoGal; Xosé Antonio Gómez Segade, catedrático de Dereito da USC; e Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia, quen escenificará a posta en marcha da primeira páxina web creada baixo o dominio .gal, que servirá precisamente para recoller toda a información da que se dará conta durante este evento.
Este encontro supón o comezo da andaina do novo dominio de Internet, que durante os vindeiros meses buscará sentar os alicerces dun espazo galego na Rede, servindo de símbolo da nosa sociedade e contribuíndo a dar visibilidade á nosa lingua e cultura na Internet.

Manuel González (á dereita) participará no evento de estrea da primeira páxina web creada baixo o dominio .gal

PUBLICIDADE