A tecnoloxía galega Ntouch habilita a función contactless (anti-COVID) en equipos preexistentes
martes, 24 de agosto do 2021
Unha
das cousas que nos demostrou a pandemia foi a ampla marxe de resposta
das nosas empresas innovadoras fronte aos seus principais desafíos.
Un exemplo disto é SC Robotics, puxante empresa galega do ámbito da
robótida e a Intelixencia Artificial, que creou unha tecnoloxía que
nos permite usar máquinas de vending, caixeiros ou ascensores
sen tocar teclas nin pantallas. Como
informamos en detalle nunha entrevista recente con Xabier Crespo,
os primeiros prototipos de NTouch foron feitos durante o
confinamento, pero paseniño pero sen pausa os responsábeis da
empresa foron quen de achegar unha versión máis profesional para
ser fabricada a gran escala.
SC
Robotics foi creada en Vigo por tres enxeñeiros de telecomunicacións
(Xabier Crespo, Daniel Pérez e Luís Miranda), con máis dunha
década de experiencia no mundo da electrónica dentro e fóra de
España. Abriron mercado no oeste peninsular, en dous ámbitos
fundamentais: creando dispositivos electrónicos a medida para a
monitoraxe remota de equipos e deseñando dispositivos sen contacto.
A
empresa, segundo nos lembra a Tecnópole, foi unha das 20 pemes
seleccionadas para o programa Connect-19, a aceleradora de
empresas especializada na comercialización de solucións innovadoras
fronte ao impacto da COVID-19, impulsada pola Xunta e Tecnópole.
Xabier
Crespo, socio fundador de SC Robotics, explica á Tecnópole que
NTouch ten a vantaxe de conectarse vía USB nos equipos
preexistentes, habilitando neles a función de traballar sen
contacto. É dicir, “con achegar un dedo ou mover unha man, segundo
o caso, a máquina detecta que queremos marcar un número concreto ou
pasar a imaxe dunha pantalla”, explican dende a empresa, engadindo
que teñen capacidade para “personalizar o produto segundo as
necesidades do destinatario”.
Crespo
indica que “durante o confinamento estabamos a traballar noutro
proxecto e o noso cliente detecta que o contacto físico pode ser un
problema. Así que desde as nosas casas desenvolvemos un primeiro
modelo, gustoulles e fómolo evolucionando até chegar ao deseño
actual, moi distinto ao primeiro prototipo. Sabemos que o mercado
está interesado e que os dispositivos para evitar tocar non van ser
unha necesidade pasaxeira”.
Segundo
engade, a tecnoloxía empregada é nova en si mesma, porque facemos
un traballo moi a medida: “As interaccións que permite tamén son
bastante innovadoras a nivel de consumidor final, coa excepción do
mercado das consolas, que é un sector aparte e non comparábel”.