A volta das vacacións incrementa o risco de adicción ao traballo e as novas tecnoloxías
martes, 6 de setembro do 2011
Segundo recentes estudos da plataforma Adiccións Dixitais, arredor do 12%
dos traballadores galegos son adictos ao traballo. Esta porcentaxe, preocupante
segundo o punto de vista de quen mira (a familia do adicto versus o empresa que lle dá traballo), increméntase cada ano debido,
entre outras cousas, á concorrencia duns ingredientes que, para entendérmonos,
fan máis potente e aditiva a fórmula: as novas tecnoloxías e as redes sociais.
Falamos de cousas cada vez máis presentes no noso día a día laboral, mesmo como
ferramentas xa imprescindíbeis xa para o desenvolvemento do mesmo. O resultado:
unha longa ringleira de persoas que non poden ter unhas vacacións de xeito, cun
ollo na paisaxe que teñen diante e con outro no dispositivo móbil para ver como
vai o máis recente proxecto de negocio.
Segundo sinala a devandita plataforma, coa
volta dos días de lecer, este mes de setembro, a situación agrávase, xa que se
recuperan algúns dos malos hábitos que puidemos deixar atrás durante o verán.
Estas teimas, infórmase, poden causar certos trastornos profesionais ou
persoais, xa que se materializan nunha imposibilidade de deixar atrás a xornada
laboral unha vez que o tempo de traballo remata e lle damos as costas á porta
da oficina. Os sinais son claros: unha excesiva atención ao móbil e a toda a
tecnoloxía que as empresas, cada vez máis, poñen ao alcance dos traballadores
para contar con eles en todo intre e en todo lugar, sinala a plataforma.
“Algúns”,
engádese, “atopan como escusa que o
traballo lles provoca ledicia; de feito, segundo a enquisa Adecco sobre ledicia
no traballo, o 78,1% dos traballadores galegos son felices no seu traballo, non
variando moito esta taxa do promedio realizado a nivel nacional”. As consecuencias de levar todo isto moi lonxe
e alén do razoábel, salvando as distancias, son semellantes ás que pode provocar
unha droga. Segundo apunta Juan Romero, socio fundador da plataforma, “esta adicción pode ser tan extrema que ao
chegaren á casa estas persoas esquecen todo agás o seu traballo, cando debería
ser ao revés”.