AGalega.gal celebra o Día do Orgullo Friki

luns, 26 de maio do 2025 Marcus Fernández

Wismichu participou na terceira entrega de Galician Friki

O 25 de maio é unha data moi especial para moitos ao coincidir a celebración do Día da Toalla (en homenaxe da Guía do Autoestopista Galáctico) e a estrea en cines do filme Star Wars (e tamén de O Retorno do Jedi), o que levou a que dende hai anos se conmemorase o Día do Orgullo Friki, ao que quixo sumarse este ano a plataforma AGalega.gal publicando as dúas últimas entregas da primeira tempada de Galician Friki, un programa que recolle as distintas manifestacións da cultura popular actual, na que a tecnoloxía xoga un papel moi relevante.

Galician Friki achegouse á celebración do 4º aniversario de Recuncho Gamer

Como mostras desta face tecnolóxica do frikismo galego temos como na primeira entrega de Galician Friki achéganse a Recuncho Gamer, proxecto que fai un achegamento en galego ao mundo dos videoxogos, e que o pasado outubro celebrou os seus 4 anos de actividade.
O segundo programa de Galician Friki permitiunos ver o encontro XGN Intermax, que en novembro celebrou a súa edición número 24, xuntando a afeccionados á informática no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA en Silleda.

O desenvolvedor de videoxogos Víctor Fernández participou na terceira entrega de Galician Friki

Tamén no ámbito dos encontros presenciais do sector dos videoxogos, a terceira entrega de Galician Friki visitou a Lérez Up no Recinto Feira de Pontevedra. Esa mesma entrega foi a máis tecnolóxica da tempada, pois tamén incluíu unha entrevista co influente coñecido como Wismichu e unha reportaxe sobre o traballo dos creadores galegos de videoxogos, na que participaron Tono Gundín (Axóuxere Games), Víctor Fernández (Tequila Works), Cristina García Aradas Mapache (Merge Games) e Alicia Puentes (Gamespond).
Os programas publicados onte tamén incluíron citas relativas ao mundo dos videoxogos, de xeito que no programa 5 amosaron o ambiente da pasada edición de outono da ExpOtaku (onte tamén había presenza da cultura Maker a través do Project Droid) e no programa 6 visitaron a StarFest celebrada en Oleiros.

Alicia Puentes (Gamespond) explicou a súa experiencia como creadora de videoxogos en Galician Friki