AJE Galicia homenaxea á Fundación TIC
luns, 29 de febreiro do 2016
A Asociación de
Empresarios Novos de Galicia, AJE Galicia, vén de agradecer á
Fundación TIC (Deputación de Lugo) o labor colaborativo despregado
na quinta edición dos seus
premios, que se resolveron e entregaron o
pasado 4 de febreiro en Lugo e que recoñeceron, como lembraremos, a
traxectoria impecábel de Redegal e SocialDrive. O agradecemento
á Fundación TIC levouse a cabo durante a visita da presidente de
AJE Galicia, Carmen José López, ás instalacións da entidade
pertencente á Deputación de Lugo.
Cómpre recordar que o
persoal da Fundación TIC encargouse da gravación íntegra da
devandita gala (no Museo Interactivo da Historia de Lugo) e da
realización dun vídeo homenaxe que se proxectou ao comezo do
evento. Este material pode verse desde hai xa un par de semanas no
perfil de Facebook de AJE Galicia e tamén na
súa canle de YouTube.
Durante a visita, a
presidenta de AJE Galicia e a xerente da Fundación TIC, Margarita
Soilán Carbia, amosáronse “moi satisfeitas” cos resultados
obtidos tras esta primeira colaboración. Ambas apostaron por repetir
a curto-medio prazo “unha experiencia que axudou a pór o valor o
papel dos empresarios en Galicia en beneficio da nosa sociedade e, ao
mesmo tempo, o traballo que día a día se fai a Fundación TIC”,
explicou Carmen José López.
A presidenta de AJE
Galicia aproveitou tamén a ocasión para achegarse até o
Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo onde
charlou co seis alumnas do centro que colaboraron no V Premio Novo
Empresario de Galicia. Lucía Llano Núñez, Marta Rodríguez Otero,
Carmen Villar Varela, Alessandra Ghisleni, Marta Losada Burgo e Ana
Huerta Fernández, foron as encargadas de abrir e pechar a gala de
entrega de premios celebrada no Museo Interactivo da Historia de Lugo
(MIHL) o pasado 4 de febreiro. O seis estudantes lucenses recibiron
un trofeo como mostra de agradecemento. Aida Latorre, vicedirectora
do Conservatorio, recibiu outro en nome do Xoán Montes.