AMTEGA e CIXUG premian unha aplicación aberta para o cálculo de rutas en transporte público
luns, 20 de outubro do 2014
Resolveuse
finalmente o premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza
Libre. Logo dunha
recta final na que quedaron claras varias cousas a ter en conta
(record de participación nesta convocatoria do primeiro, a
elevada calidade das propostas presentadas, o amplo abano de
cuestións sociais, tecnolóxicas e económicas que abrangueron),
concedéuselle o devandito galardón o pasado venres 17 de outubro a
Vreixo González Caneda da Universidade da Coruña polo proxecto
Aplicativo
de cálculo de rutas en transporte público con software libre.
Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros
achegada polo CIXUG ao abeiro do Convenio de colaboración asinado
coa AMTEGA. Esta edición do premio veu da man, precisamente, da
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o CIXUG
(consorcio galego das tres universidades para o desenvolvemento de
aplicacións para a xestión).
Segundo explicaron, o
proxecto gañador é unha ferramenta para o sistema operativo
Android, que ofrece cálculo multimodal de rutas en distintos medios
de transporte publico, a pé e en bicicleta como ferramenta de busca
das mellores rutas. Ademais, entregouse tamén un segundo premio a
Iago Veloso Abalo pola proposta Sistema
de gravación automática da emisión en directo dunha
emisora de radio comunitaria con Software Libre para a
xestión da programación dunha radio comunitaria, así como dun
sistema de gravación e publicación automática das emisións. Este
galardón conta cunha dotación económica de 750 euros achegados pola Asociación GPUL, colaboradora da
iniciativa no marco de colaboración asinado coa AMTEGA.
Como dixemos, se por algo
se caracterizou esta edición, e así o fixeron saber as entidades
convocantes, foi pola alta participación (15 proxectos inscritos) e
pola alta calidade e o amplo alcance das propostas. Ademais,
rexistrouse unha “gran variedade” nas áreas temáticas
abordadas, xa que ademais das habituais titulacións informáticas,
houbo proxectos da Escola Técnica de Enxeñería Técnica Industrial
da UDC, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas de Vigo,
da Escola Universitaria Politécnica da UDC e da Facultade de
Matemáticas da USC.
Segundo engaden o CIXUG e
AMTEGA, “un aspecto a valorar neste diversidade é que por vez
primeira dous proxectos, ademais de desenvolvemento de software
publicado con licenza libre, empregaron tamén hardware libre, o que
demostra que a cultura libre non é exclusiva do ámbito do
desenvolvemento de software”. O xurado estivo composto por Luís
María Hervella Nieto en representación da Universidade da Coruña,
José Varela Pet en representación da Universidade de Santiago de
Compostela, Francisco Javier Rodríguez Martínez en representación
da Universidade de Vigo, Brais Arias Río en representación da
Asociación de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL e dous
representantes da Amtega, Juan Víctor Rodríguez Arós e Breogán
Cinza Cabarcos.
Os outros tres finalistas
do premio a quen o xurado felicitou polo seu traballo foron David
Albela Pérez (coa Aplicación
de soporte para o
mantemento de produtos software, que permite xestionar as
peticións de cambio e as actividades necesarias para desenvolvelos,
proporcionando unha serie de indicadores a nivel de proceso, que
permitan facer un seguimento do mantemento), Santiago Saavedra López
(co Trustable
Distributed Storage over Untrusted Peers, un proxecto co que
se pretende desenvolver unha rede distribuidora de contidos
actualizables e versionables sen necesidade dun terceiro de
confianza) e Damián Aragunde Pérez (polo Deseño
e implementación dunha ferramenta de axuda á audición mediante o
uso de tecnoloxías móbiles, que consiste no
desenvolvemento do aplicativo para dispositivos Android OK-OH! que
percibe o son circundante mediante os micrófonos e ofréceo ao
usuario de maneira clara e aumentada).
