Adobe Premiere chega ao iPhone

martes, 30 de setembro do 2025 Redacción

Adobe anunciou o lanzamento oficial de Premiere para iPhone, unha aplicación móbil de balde que pon ao alcance dos creadores ferramentas de edición de nivel profesional. A compañía busca responder así á demanda de millóns de usuarios que publican e editan contido audiovisual a diario e que reclaman maior control creativo sen complexidades innecesarias.
A nova aplicación, adiantada hai poucas semanas, ofrece unha liña de tempo multi-pista ultrarrápida con edición en 4K HDR e precisión fotograma a fotograma, así como opcións avanzadas como subtítulos animados, efectos de velocidade e movemento ou eliminación instantánea de fondos. No apartado de son, integra ferramentas de intelixencia artificial para conseguir calidade de estudio, desde a función Enhance Speech para limpar voces ata efectos xerativos sincronizados automaticamente coa imaxe.
Premiere para iPhone e iPad tamén permite xerar adhesivos e fondos expandidos con IA, acceder a millóns de recursos de balde (música, tipografías, imaxes e adhesivos), e exportar cun só toque a plataformas como TikTok, YouTube Shorts ou Instagram, adaptando o formato de cada vídeo para manter sempre a acción principal no plano.
A aplicación garante unha experiencia nativa e optimizada para iOS, libre de distraccións e marcas de auga, coa posibilidade de continuar os proxectos en Premiere Pro para escritorio e aplicar un acabado máis preciso.
Premiere no iPhone está dispoñible de maneira xeral en todo o mundo a través da App Store, mentres que a versión para Android continúa en desenvolvemento. Este lanzamento supón a desaparición de Premiere Rush, a aplicación coa que Adobe pretendía gañar presenza en dispositivos móbiles.