Amelia Verdejo inicia no CiTIUS as celebracións da USC das mulleres tecnólogas
luns, 10 de febreiro do 2020
Os
Campus
de Santiago e Lugo conmemoran este 11 de febreiro o Día da Muller e
da Nena na Ciencia. O obxectivo das actividades é impulsar a
visibilidade das científicas (V Xornada Mulleres na Ciencia, na
Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela a partir das
16.00 horas), así como o empredemento feminino (a II Xornada
Mulleres Ciencia e Tecnoloxía que se celebra a partir das 12.00 na
Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, cunha mesa redonda redonda
sobre as importantes contribucións femininas ao mercado
científico-tecnolóxico).
Amais,
o CiTIUS acolleu hoxe unha xornada de Amelia Verdejo, moi concorrida,
que xirou arredor das grandes tecnólogas da historia: a longa
listaxe de mulleres que contribuíron a crear as novas ferramentas
tal e como as coñecemos. A cita con Verdejo marcou o punto de
partida as actividades conmemorativas das mozas e das mulleres
tecnológas e científicas. Quen
queira recuperala e vela, pode facelo a través de YouTube.
Outras actividades
·
Unha clase maxistral de física de partículas, impulsada polo IGFAE,
que se estenderá entre as 9.30 e as 17.00 horas, na Facultade de
Física, nutre tamén o programa de actividades deseñado dende a USC
para conmemorar o Día da Muller e da Nena na Ciencia este 11 de
febreiro.
· O
CiMUS acollerá, pola súa banda, a mesa redonda Muller de
ciencia, a partir das 10.00 horas; mentres que a Facultade de
Química tentará responder á cuestión Existe a igualdade de
xénero na ciencia?, a través doutra mesa redonda que dará
comezo ás 17.00 horas.
·Finalmente a obra teatral Foto 51 e a mesa redonda Muller
e ciencia terán lugar ás 20.00 horas na aula magna da Facultade
de Bioloxía. Esta iniciativa está organizada polo propio centro e
os grupos de investigación de Estudos medioambientais aplicados ao
patrimonio natural e cultural (GEMAP) e de Ecotoxicoloxía e
Ecofisioloxía Vexetal (ECOTOX) da USC.
Ao longo do mes
· O
vestíbulo do CiMUS acolle o 12 de febreiro, en horario de 10.00 a
14.00 horas, a iniciativa Superciencias. O futuro é un xogo de
nenas, en colaboración coa Asociación española contra o
cancro.
· A
conferencia Mujeres y ciencia: ¿la química funciona? a cargo
de Marta Macho Stadler, desenvolverase o 19 de febreiro, ás 13.00
horas, na Aula Magna da Facultade de Química.
Cita con Amelia Verdejo
- A profesora Amelia Verdejo no seu relatorio sobre as grandes informáticas dos tempos pasados
O
relatorio Ada Lovelace e as pioneiras informáticas a cargo da
profesora universitaria (USC e UVigo) Amelia Verdejo Rodríguez,
conformou este luns 10 pola mañá, no Centro Singular de
Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), o punto de
partida para este programa de actividades. O relatorio foi un
percorrido polos inicios da informática, poñendo de manifesto as
importantes achegas de Ada Lovelace e de figuras fundamentais como
Joan Clarke, quen descifrou o código Enigma xunto a Alan Turing
utilizando as primeiras versións de computadores como o Colossus
británico, ou o ENIAC estadounidense, que eran manexados totalmente
por mulleres.
A
relatora tamén nos levou da man polos fitos históricos de Dorothy
Vaughan ou Grace Hopper, que desenvolveron as primeiras linguaxes de
programación como o FORTRAM ou o COBOL; ou aos traballos da
científica e actriz Hedy Lamarr, cuxos sistemas usáronse para
protexer as comunicacións cos mísiles durante a Segunda Guerra
mundial, que son a base da actual Wi-Fi; ou ás achegas de Evelyn
Berezin, quen creou en 1953 o que é considerado o primeiro ordenador
de oficina.
Sen
todas estas tecnólogas, dixo a relatora, “moitos dos avances dos
que hoxe desfrutamos quizais non se terían dado”.