Arquitectura e videoxogos centran unha charla de Manuel Saga este mércores no COAG

luns, 3 de xuño do 2024 S. P.

A Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) organizará o mércores, 5 de xuño, a conferencia Gaming Architectural History: Por unha resignificación do paradigma a través do videoxogo que será impartida polo arquitecto Manuel Saga Sánchez García, investigador no Departamento de Composición Arquitectónica da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid (ETSAM) da Universidade Politécnica de Madrid (UPM). A charla celebrarase ás 19:30 horas na sede da delegación colexial (rúa Federico Tapia, 64).
Manuel Saga adianta que a intersección entre as disciplinas da arquitectura e o videoxogo é hoxe “un espazo fértil ben coñecido, cultivado e colleitado”, engadindo que “tempada a tempada os seus froitos alimentan as paisaxes dixitais que xogadoras e xogadores ao longo do mundo desfrutan no seu tempo de lecer. Tanto estes espazos como as comunidades que os habitan teñen en común o gusto por unha certa heteroxeneidade ecléctica, favorecendo linguaxes e composicións que deveñen en narradores activos”, sinala.
O experto engade que estas arquitecturas vídeo-lúdicas percíbense, a miúdo, como territorios revolucionarios aparentemente illados, desarraigados de estratos culturais máis tradicionais ou, no mellor dos casos, conectados a eles de maneira apenas superficial. Porén Saga sinala que disciplinas como a dos Estudos do Videoxogo (Game Studies), acuñada hai máis de dúas décadas, teñen posto en evidencia a riqueza intelectual deste eido. A esta disciplina súmanse investigadores de todo tipo, aportando conceptos e metodoloxías xurdidas das enxeñerías informáticas, as artes, a antropoloxía social, os estudos de xénero ou a ciencia política, entre outras moitas ramas do coñecemento.
Así, Saga considera que a arquitectura está un paso por detrás neste sentido. Aínda que na última década apareceu toda unha xeración de investigadores que puxeron de manifesto o impacto da arquitectura no videoxogo e o interese do seu estudo, os seus traballos non fixeron máis que sinalar o camiño que queda por percorrer.
Nesta conferencia o relator explorará o marco específico da historia da arquitectura en relación co videoxogo e os seus espazos dixitais desde unha dobre vertente discursiva: a historia e a composición arquitectónica aplicadas ao videoxogo, é dicir, a do seu estudo a través de ferramentas propias da disciplina da arquitectura; e, por outra banda, a do recoñecemento de que a propia disciplina arquitectónica ten sido e continua sendo transformada polas industrias dixitais, incluíndo a do sector gaming.

PUBLICIDADE