A FEGAUS e a Canle Sénior tirarán proveito da ferramenta Celia de atlanTTic

mércores, 5 de xuño do 2024 S. P.

A Federación Galega de Asociacións Universitarios Séniors (FEGAUS), a Asociación Canal Sénior e a UVigo asinaban este martes 4 de xuño un convenio de colaboración centrado na personalización da ferramenta Celia para mellorar a accesibilidade, interacción e satisfacción das persoas maiores, facilitando o acceso ao contido da canle, adaptando as súas necesidades e preferencias.
Achegándonos a Celia, dicir que este asistente de conversa xurdía no 2021 deseñado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, co dobre obxectivo de detectar de xeito precoz doenzas cognitivas neurodexenerativas e combater a soidade non desexada entre persoas de idade avanzada. Empregando a Intelixencia Artificial, Celia permite mellorar a calidade de vida das persoas maiores, tanto no eido emocional, coma no sanitario, ao permitir acompañar, conversar e entreter, ao tempo que monitoriza a saúde cognitiva dos seus usuarios, a través da análise da linguaxe e da voz.
Logo de tres anos e co obxectivo de establecer unha cooperación estratéxica para o desenvolvemento, adaptación e a integración de Celia na oferta de servizos dixitais de Canal Sénior, unha plataforma de lecer e aprendizaxe en liña gratuíta para persoas maiores de 55 anos, FEGAUS, a Asociación Canal Sénior e a UVigo unen forzas cun convenio que terá unha duración de catro anos, permitirá enriquecer o servizo aos usuarios integrando Celia para achegar experiencias altamente personalizadas e asistencia continua; ampliar a oferta educativa empregando o asistente para diversificar e enriquecer os cursos e obradoiros, proporcionando titorías personalizadas e apoio en tempo real; implementando Celia como unha ferramenta de apoio ao benestar físico e mental, promovendo hábitos saudábeis; fomentar unha comunidade sénior máis activa e comprometida e posicionar a Canal Sénior como líder na innovación de servizos de atención a persoas maiores, mediante o uso da tecnoloxía de Celia.
No acto de sinatura, celebrado no despacho do reitor, Manuel Reigosa, eloxiouse o traballo que está a desenvolver o equipo de investigadores e investigadoras que lidera o catedrático e director do grupo GTI, Francisco Javier González Castaño, ao tempo que celebrou o proxecto, ao que se referiu como “tecnoloxía con alma”.

PUBLICIDADE