As TIC, presentes na campaña da Deputación da Coruña para promover o galego na mocidade
luns, 1 de outubro do 2018
As
novas ferramentas dixitais (redes sociais, móbiles e demais) van ter
especial protagonismo na nova campaña da Deputación da Coruña para
promover o uso do galego entre as novas xeracións, nas aulas, o
programa #ogalegoamiñalinguapropia. O programa, en activo dende o
primeiro día do actual curso académico, diríxese a enganchar
á mocidade galega co lingua de seu a través dos camiños abertos
por persoeiros referenciais dos mundos da música, o deporte, o
grafite ou (precisamente) as novas tecnoloxías da información. A
iniciativa chegará a centros de ensino de 43 concellos con máis de
noventa actividades. Participarán directamente máis de tres mil
mozas e mozos.
A
vicepresidenta e responsábel da área das áreas de Lingua e Cultura
da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, presentou hoxe os
principais detalles do programa e fixo balance do acadado nas accións
previas. Estivo acompañada do músico Xurxo Souto, a poeta Antía
Otero, a actriz Paula Carballeira, a artista Laura Romero, o actor
Lois Blanco, a música MJ Pérez, a poeta e contadora Lucía Aldao
ademais de Sino Seco de Fabaloba e Emi Candal de Urdime.
Segundo
fixo saber a vicepresidenta, o programa chega mañá a Santiago cun
obradoiro de MJ Pérez. Previamente, xa houbo xeiras de traballo (40
actividades) a primavera pasada nos seguintes concellos: Outes, Santa
Comba, A Baña, Betanzos, Narón, Fisterra, Carral, Cerceda, Miño, A
Coruña, Oroso, Frades, Melide, Rianxo, Rois, Abegondo, Arteixo,
Ames, Arzúa e Cee.
Goretti
Sanmartín tamén fixo un percorrido polos obxectivos dos encontros
coas nenas e nenos: “Pór en valor que temos un idioma propio,
persuadir a mocidade para que incorpore o galego á súa vida cotiá,
reafirmar o uso da lingua naqueles mozos e mozas que usan a lingua
galega só nalgúns contextos, crear demanda de falantes de galego,
promover a sensibilización idiomática e fomentar unha actitude
positiva dos e das adolescentes fronte á lingua”.
A
vicepresidenta engadiu que na primeira etapa da iniciativa
participaron de forma directa 1.417 alumnas e alumnos e o cálculo de
participación indirecta supera neste momento as 7.000 persoas: co
impacto en redes, medios de comunicación e mozas e mozos dos centros
de ensino que sen ter concorrido directamente das actividades si o
fixeron coa chegada da comunicación directa aos seus centros de
ensino.
No
mes de decembro a campaña rematará despois de desenvolver 91
actividades en centros de ensino de 43 concellos da provincia: A
Baña, A Coruña, A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Ames, Arteixo,
Arzúa, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Carnota, Carral, Cedeira,
Cee, Culleredo, Dumbría, Ferrol, Fisterra, Melide, Miño, Muros,
Narón, Oleiros, Oroso, Outes, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son,
Rianxo, Ribeira, Rois, Sada, Santa Comba, Santiago de Compostela,
Teo, Vimianzo, Cerceda, Ordes, Frades, Trazo, Tordoia e Mesía.
Participan
nas actividades persoas que desenvolven a súa traxectoria no ámbito
da música, audiovisual, novas tecnoloxías, teatro, deporte, grafite
ou poesía como Paula Carballeira, Antía Otero, María Yáñez,
Leandro Lamas, Gaitafilmes, MJ Pérez, García MC, Monoulius DOP,
Davide Salvado, Aldaolado, Xurxo Souto, Fran Cañotas, Irene Lourido,
Laura Romero, Lois Blanco Arauxo, A raína vermella, Joane Camborda,
Mutante Creativo, Cestola na Cachola ou Rosalía Fernández Rial.
Para
quen queira máis información sobre o programa, a
Deputación da Coruña ten na súa web cumpridos datos sobre o mesmo.