As charlas de Toponimízate recalarán este outono en oito concellos
venres, 8 de outubro do 2021
O
proxecto
Toponimízate,
unha ambiciosa proposta institucional para reivindicar o tesouro dos
nosos nomes de lugar, recibiu esta tempada un novo impulso á súa
actividade, da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística e
a Real Academia de Galicia (RAG). Segundo fixeron saber, haberá
novidades importantes como sesións telemáticas en directo e
obradoiros de memoria, materializados principalmente nas
charlas de Toponimízate, coñece os nomes da túa terra,
que están a pasar en outubro polos seguintes concellos da Rede de
Dinamización Lingüística: Triacastela (o 1 de outubro ás 18.00
horas), Outeiro de Rei (o 15 de outubro ás 19.00 na Casa da Cultura)
e Ribeira (o 18 de outubro a partir das 16.30 horas con proxeccións
telemáticas e colectivas no IES Leliadoura, no IES Nº1 de Ribeira,
no Centro Cultural Lustres Rivas e na aula CeMIT local).
En
novembro a xira seguirá o día 5 (en Carnota, na Casa do Concello, a
partir das 17.00 horas), o día 12 (no Irixo, na Casa do Concello, ás
18.30 horas), o 19 (en Meaño, con proxeccións telemáticas e
simultáenas no IES de Meaño, no CEIP As Covas, na Casa da Cultura
de Dena e na aula CeMIT, a partir das 11.00 horas), o 23 (no Barco de
Valdeorras, con proxeccións simultáneas e telemáticas no IES Lauro
Olmo, no IES Martaguisela, na Casa da Cultura e na aula CeMIT, a
partir das 16.30 horas) e o 3 de decembro en Ortigueira (no Centro de
Maiores, a partir das 11.30 horas).
O
secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o
presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes,
presentaron o 28 de setembro, na sede da RAG, a cuarta edición do
programa acompañados de Vicente Feijoo, o especialista en toponimia
do Seminario de Onomástica da Academia que se encargará de impartir
as charlas previstas.
Valentín
García salientou que o proxecto supón “a difusión e
socialización dunha riqueza lingüística e cultural tan importante
como son os nomes da terra, amais de buscar a colaboración e o
prestixio de saber chamarlle a cada lugar polo seu nome”.
O
presidente da RAG salientou o gran valor da toponimia galega e a
importancia do seu estudo, que a Academia desenvolve a través do
Seminario de Onomástica.
Segundo
informaron, as charlas divídense en dous bloques: o primeiro deles
aborda a riqueza toponímica galega, mentres o segundo presenta o
funcionamento da aplicación colaborativa Galicia
Nomeada, plataforma a través da cal a
veciñanza pode engadir os diferentes microtopónimos que coñeza e
que xa conta con máis de 2.200 usuarios que compartiron preto de
31.000 nomes de lugares dende o 2019.
Ademais,
as sesións de Toponimízate tamén permiten coñecer as
utilidades prácticas desta información unha vez xeorreferenciada e
normativizada, e conclúen cun percorrido polo significado dos nomes
das parroquias e aldeas do concello en cuestión coa colaboración do
académico da UVigo Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica
da RAG.
A
primeira cita desta cuarta edición xa se celebrou o pasado xuño en
Marín. Haberá charlas presenciais en Triacastela. Outeiro de Rei,
Carnota e O Irixo. A maiores, desenvolveranse tres sesións
telemáticas emitidas en directo a través da canle de YouTube
da RAG e que poderán verse de maneira colectiva nos espazos
habilitados de Ribeira, O Barco de Valdeorras e Meaño.
O
peche da cuarta campaña de Toponimízate terá lugar en
Ortigueira o 3 de decembro coa outra gran novidade da edición, un
obradoiro de memoria no centro de maiores da vila.
Toda
a información e o calendario de sesións irase actualizando no
Portal da Lingua Galega
(lingua.gal) e máis na
web da RAG (academia.gal).