As empresarias de Lugo e a Deputación organizan unha nova edición dos Premios Son Muller
martes, 15 de novembro do 2022
A
Asociación de
Mulleres Empresarias de Lugo e a Deputación presentaron a quinta
edición dos Premios Son Muller, uns galardóns orientados a
“recoñecer o talento, a innovación e o traballo das mulleres
empresarias e emprendedoras da provincia”. O prazo para presentar
candidaturas estará aberto até o 11 de decembro. As bases e toda
información sobre os premios están dispoñíbeis na
web da AELU.
Estes
recoñecementos divídense en tres categorías: Son emprendedora,
Son empresaria, e Son empresaria rural, e entregaranse
nunha gala o vindeiro 16 de decembro, no MIHL
A
Deputación de Lugo colabora un ano máis coa Asociación de Mulleres
Empresarias de Lugo (AELU) na organización dos premios Son Muller.
En concreto, a institución provincial achega 3.500€ para a
celebración destes galardóns.
A
deputada Pilar García Porto felicitou a AELU “por seguir
consolidando” os premios Son Muller, e destacou a “relación tan
produtiva” que mantén a Deputación con este colectivo, grazas á
que está en marcha, por exemplo, o programa Feminino Rural, “que
levamos por todas as comarcas da nosa provincia para dotar ás
mulleres do rural de novas ferramentas coas que desenvolver e
mellorar o seu propio proxecto de futuro, tanto a emprendedoras, como
autónomas ou as que estean montando unha pequena empresa”
manifestou.
No
acto de presentación dos quintos premios Son Muller tamén estiveron
presentes a concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego e Deputada
de Ensino, Formación e Economía do Coñecemento, Ana González
Abelleira, a presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de
Lugo, Beatriz Varela Regueira, o delegado territorial da Xunta en
Lugo, Javier Arias, e a responsable da Zona de Lugo de Abanca, Zaira
Dapena Castro.
Os
premios Son Muller constan de tres categorías: Son emprendedora;
Son empresaria; e Son empresaria rural. O primeiro
premio de cada categoría consistirá en 1.000€ en metálico, e o
segundo en 500€. En ambos casos, as galardoadas obterán un ano de
cota gratuíta como asociadas da Asociación de Mulleres Empresarias.
Ademais, recibirán un xogo de artesanía en cerámica, Matrioskiñas
Galegas, elaborado e deseñado por unha artesá lucense
exclusivamente para estes premios.
Haberá
tamén un recoñecemento especial a unha empresaria lucense de
recoñecido prestixio, pioneira no eido social e económico de Lugo.
O xurado estará formado por representantes da xunta directiva de
AELU, e personalidades de recoñecido prestixio, pertencentes a
distintos ámbitos das administracións, a empresa e a sociedade
lucense.