Até 15 referentes web da nosa terra colaboran na campaña #IgualdadeFollowers
mércores, 26 de xullo do 2023
A
secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, presentou este
mércores 26 de xullo, no Centro de Novas Tecnoloxías de Santiago, a
terceira edición da campaña da Xunta #IgualdadeFollowers,
lanzada en colaboración coa Asociación de Periodistas de Galicia
(APG) coa finalidade de “xerar unha actitude proactiva entre a
xente moza a favor da igualdade efectiva”. E facelo poñendo o foco
nas novas ferramentas de comunicación.
A
iniciativa, que se difundirá en formato multimedia a través das
redes sociais, conta coas achegas de 15 referentes galegos, mulleres
e homes con papeis relevantes en diferentes disciplinas (cultura,
comunicación, deporte, investigación...), que, coas súas
testemuñas, “fan énfase na necesidade e riqueza de contar co
talento feminino en todos os ámbitos”, explicou a secretaria xeral
no acto de presentación, engadindo que un dos obxectivos básicos da
campaña, reforzado nesta terceira edición, “é aproveitar as
redes sociais como unha gran oportunidade para mudar perspectivas
cara a outras máis evolucionadas e, en concreto, para poñer de
manifesto a importancia de protexer os dereitos das mulleres nos
espazos dixitais”. Lembrou que Galicia leva un treito avanzado
neste camiño ao ecoñecer desde 2021 a violencia de xénero dixital
como unha forma de violencia máis.
No
acto tomaron parte Lúa Piñeiro, campioa europea de taekwondo;
Patricia García Lema, xornalista e influencer (Donkeycool);
e Clara Redondo, deseñadora de moda con ampla presenza tamén nas
redes sociais. As tres forman parte do conxunto de persoas influentes
elixidas para esta nova edición da campaña, que contará tamén con
representantes do ámbito empresarial e profesional, como Carlota
Corzo, emprendedora e cofundadora de lazzaro.io e Laura Vallejo,
operaria forestal e creadora de contido (lauritavallejo).
Do
eido investigador toman parte na iniciativa Carmen Vidal, xefa de
Alergoloxía do CHUS e Paula Vilaboy, bióloga e tamén moi activa
nas redes sociais (blondiemuser).
A
representación do deporte complétase coa presenza do ex
baloncestista Fernando Romay; o tenista en cadeira de rodas Martín
de la Puente e o futbolista Miguel Mandayo (maandayo).
Completan
a lista de personalidades representantes do eido cultural, musical e
da comunicación como o escritor Ismael Ramos, Premio Nacional de
Poesía Joven Miguel Hernández 2022; a cantante Lucía Pérez
(representante de España en Eurovisión 2011), María Foscaldo,
xornalista e creadora de contidos (Virtudes a Repunante); o
músico Nani García e a poeta e xestora cultural, Yolanda Castaño.
A
Xunta e a Asociación de Periodistas de Galicia seguen a colaborar
para reivindicar o papel da muller en Galicia e concienciar á
mocidade sobre a importancia de seguir loitando cara á igualdade
real e efectiva da sociedade xa que, como destacaron, “os medios de
comunicación e as redes sociais resultan imprescindíbeis no labor
de concienciación e como guía da opinión pública”.
Vídeo de presentación da campaña