Balidea desenvolveu o novo portal web da Festa da Istoria
martes, 3 de setembro do 2019
A
empresa tecnolóxico-dixital Balidea, con sede principal en
Compostela, subiu este ano un novo chanzo na súa colaboración coa
Festa da Istoria de Ribadavia, unha colaboración da
que xa dimos conta en anteriores entregas con motivo do lanzamento da
aplicación móbil dos festexos históricos (en todo o sentido do
termo “histórico”). Agora, o
traballo conxunto coa Festa da Istoria (que se desenvolveu os tres
últimos días de agosto), materializouse no desenvolvemento dun novo
portal: un sitio web (festadaistoria.com)
onde Balidea apostou de cheo pola visualidade, a accesibilidade, o
dinamismo e a versatilidade. O obxectivo foi achegar unha ferramenta
que co menor esforzo posíbel por parte de usuario achegase a máxima
(e de meirande utilidade) información.
En
palabras de Balidea, o novo portal é “un espazo moi dinámico que
lle permite aos visitantes entender dunha ollada en que consiste a
Festa da Istoria, así como dispor de forma rápida e sinxela de toda
a información necesaria para asistir ao evento”.
Artéllase
ao redor de catro seccións principais: A Festa, Programa,
Actualidade e Información Práctica. Na primeira delas
explícanse os elementos principais do evento, os seus momentos máis
destacados así como as diferentes maneiras de participar nel e
gozalo plenamente. Na segunda detállanse todas as actividades por
días da edición vixente, cos seus horarios e lugares. Pola súa
banda, a sección Actualidade recolle todas as noticias
xeradas pola festa e a súa coordinadora. E por último, en
Información Práctica dáse reposta ás preguntas máis
frecuentes: como alugar vestimenta de época, como conseguir os
marabedís (moeda oficial da festa), como é o acceso ás
actividades, como solicitar un posto de artesanía, etc. Amais,
incorpóranse neste apartado indicacións sobre como chegar e
moverse, onde comer e durmir e onde acudir en caso de emerxencias.
O
novo portal web da Festa da Istoria ten tamén unha importante carga
visual, recollendo unha gran cantidade de imaxes representativas dos
seus momentos destacados; e integra as súas canles sociais en
Facebook, Twitter e Instagram.