Batman terá un novo xogo de realidade virtual no outono

venres, 7 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Dentro das novidades do mundo dos videoxogos anunciadas no Summer Game Fest (celebración que pretende coller a remuda da desaparecida feira E3) destaca moi especialmente Batman: Arkham Shadow, título do que estrean un tráiler, pero que resulta relevante tanto por recuperar a franquía de Batman Arkham como polo feito de ser un grande exclusivo para Meta Quest 3, desenvolvido por Camouflaj e Oculus Studios en colaboración con Warner Bros. Interactive Entertainment e DC.
Batman: Arkham Shadow é unha nova entrega da franquía elevada por Rocksteady Studios, dende onde xa fixeron un Batman: Arkham VR hai uns anos, pero que corría en cascos de VR para ordenadores persoais, polo que levar agora este tipo de aventuras a un visor de realidade virtual autónomo supón todo un logro.
Neste novo xogo haberá que enfrontarse á ameaza do misterioso Rei das Ratas e os seus acólitos, que secuestraron a oficiais públicos como o comisario Gordon e o fiscal Dent, e ameazaron en matalos nunha semana, polo que haberá que correr contra o reloxo nun momento no que a cidade de Gotham está sumida en revoltas.
A historia de Batman: Arkham Shadow estaría situada entre Batman: Arkham Origins e Batman: Arkham Asylum, polo que moitos dos personaxes que veremos (como o Espantallo ou Harley Quinn) estarán aínda a dar os seus primeiros pasos.
Aparte do reto técnico de levar os gráficos desta serie de xogos a Meta Quest 3, o cambio entre un xogo en terceira persoa e unha primeira persoa envolvente afecta drasticamente á xogabilidade, polo que os responsables deste título tiveron que reimaxinar moitos dos elementos que caracterizan a esta franquía, como os seus violentos combates ou as mecánicas de investigación e infiltración.
Nos vindeiros meses darán máis detalles deste prometedor xogo que verá a luz o vindeiro outono.

Novo tráiler de Batman: Arkham Shadow

PUBLICIDADE