O Museo do Videoxogo en Cangas amplíase cun Salón Arcade e amosa ao público a súa Área de Preservación

xoves, 13 de xuño do 2024 S. P.

A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, localizada en Cangas e centrada especificamente (de maneira pioneira en España, dende o 2 de marzo de 2020) en amosar a historia do videoxogo dende o Museo do Videoxogo (MUVI), trae este mes de xuño importantes novidades: unha renovación da súa oferta abrindo dous novos espazos visitábeis. Trátase, por unha banda, dun salón de máquinas recreativas ambientado nos anos 90 (cun total de 16 sistemas deste tipo) e, pola outra, dunha Área de Preservación, na que se atopa o obradoiro de reparación, recuperación e conservación de dispositivos, dando visibilidade ao continuo traballo da entidade en manter os seus fondos en perfecto estado de funcionamento.
Segundo o presidente da Fundación, Galo Martínez, “o Salón Arcade Davila dialoga e complementa a nosa Habitación da Memoria, abordando de xeito tácito e interactivo os cambios profundos que viviu a sociedade durante esa década en relación co universo do Videoxogo. Este espazo pon a disposición do público sistemas característicos dunha época crítica na historia do medio, remarcando unha tipoloxía -as máquinas arcade- que anteriormente só estaba representada de xeito anecdótico no MUVI.”
Opina Jacobo Martínez, Director do MUVI, sobre as decisións de relacionar a Área de Preservación coas demais áreas do Museo: “Detrás de cada sistema en funcionamento hai incontábeis horas de traballo do equipo do MUVI, enxeñeiros e técnicos que loitan contra o paso do tempo e o desgaste, dun xeito particularmente arduo no caso das máquinas recreativas. O videoxogo é un medio interactivo e esa interacción faino único e diferente do resto de industrias culturais. Para poder gozalo e entendelo hai que xogar, por iso o MUVI debe permitir que cada peza poida experimentarse dun xeito profundo. Isto conleva contradicións coa súa conservación, mais é un reto que se debe superar mediante a preservación activa. De aí a nosa determinación por amosar “a parte de atrás” do Museo, indivisíbel do resto dos espazos.”
O Museo é unha creación da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia que nace grazas ao apoio social, avalado polo Concello de Cangas e polo patrocinio de empresas e asociacións galegas: Concello de Cangas e Balidea (Protectores do MUVI), Lares, Iseltec, Aitire, imaxin|software e PuntoGal (Patrocinador do espazo O videoxogo Galego), Asociación Videoxogo.gal (Colaborador no espazo O videoxogo Galego), Asociación Informática Solidaria, Vai@bit e Kabuki flux.
Engadir que a Fundación está a ter unha forte presenza en Galicia grazas a colaboracións con entidades públicas e privadas do eido da administración, da Universidade e da cultura, como o Salón do Libro do Concello de Pontevedra, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo ou a Universidade de Santiago de Compostela. Tamén está a colaborar coa industria do videoxogo galega como consultora na creación de videoxogos.

PUBLICIDADE