Epic ofrece de balde o xogo Marvel’s Midnight Suns

xoves, 6 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Firaxis Games, o estudio de videoxogos detrás de grandes títulos como XCOM, trasladou a súa fórmula de éxito de xogos de rol tácticos ao Universo Marvel co xogo Marvel’s Midnight Sun, que sitúa aos superheroes da Marvel e a perigosos guerreiros sobrenaturais nunha aventura na que teñen que enfrontase ás demoníacas forzas de Lilith e o deus antigo Chthon.
Neste xogo adoptamos o rol dunha heroína personalizable, Hunter, que pode xuntarse con distintos personaxes da Marvel en misións nas que derrotar a perigosas ameazas a través dun sistema de combate baseado en naipes con toques tácticos. Esta fórmula tan curiosa valeulle un grande éxito, e os que non lle desen unha oportunidade a este título xa non teñen desculpa para non botarlle un ollo, xa que dende a tenda de Epic Games ofréceno de balde até o vindeiro día 13, o que supón un aforro de 59,99 euros.
Cómpre salientar que estamos ante un xogo que inclúe compras dentro da aplicación, xa que permite a súa ampliación mediante a compra de complementos, moedas dentro do xogo e incluso un pase de tempada (que inicialmente valía 49,99 euros e actualmente está de oferta a 16,49 euros).

O xogo mestura elementos tácticos con naipes para os seus combates

PUBLICIDADE