Octopath Traveller II chega finalmente a Xbox

mércores, 5 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Os xogos de Octopath Traveler é posible que pasen á historia por unha das políticas de lanzamento máis raras que puideron verse, xa que a primeira entrega estreouse en Nintendo Switch para chegar logo paulatinamente a Windows, Google Stadia e Xbox One (con preto dun ano de tempo entre cada lanzamento), mentres que Octopath Traveler II lanzouse o ano pasado simultaneamente para Nintendo Switch, PS4, PS5 e Windows.
Se botamos un ollo ás plataformas para as que estaban dispoñibles os xogos, vemos que non cadran... até hoxe. Finalmente Octopath Traveler II chega a consolas Xbox, pero o máis curioso de todo é que Square Enix aproveitou a ocasión para lanzar tamén o primeiro Octopath Traveler para PS4 e PS5, polo que agora é posible xogar ás dúas entregas da saga en calquera das plataformas imperantes.
Cómpre salientar que Octopath Traveler II non só se estrea para Xbox One e Xbox Serie X|S, senón que tamén se incorpora ao Xbox Game Pass, abríndose así aos moitos subscritores do servizo de Microsoft, que tamén recupera a anterior entrega da saga, confiando en que moitos se animen a darlle unha oportunidade agora que poden xogala completa en Xbox.

Tráiler no que anuncian que Octopath Traveler II chegará á plataforma de Microsoft

PUBLICIDADE