Just Dance terá versión para VR

martes, 11 de xuño do 2024 Marcus Fernández

A serie de xogos de baile Just Dance leva anos sendo todo un supervendas, especialmente de cara ao Nadal, e este ano van ofrecer un xeito diferente de gozar da súa experiencia musical con Just Dance VR, unha versión para realidade virtual do xogo de baile que o 15 de outubro chegará en exclusiva a visores Meta Quest.
O xogo ofrecerá unha nova xogabilidade grazas á tridimensionalidade, convidando a bailar 25 cancións en novos universos. Entre os temas confirmados no xogo están Don’t Stop Me Now de Queen, Bad Liar de Selena Gomez, Starships de Nicky Minaj, Lights de Ellie Goulding, Call Me Maybe de Carle Rae Jepsen, A Little Party Never Killed Nobody (All We Got) de Fergie con Q-Tip e GoonRock, entre outros éxitos de distintas épocas.
Just Dance VR non só ofrecerá baile, senón que tamén achegará outros tipos de diversión en grupo para até 6 xogadores, como xogar ao baloncesto ou interactuar con obxectos divertidos dende o fogar. Tamén permitirá conversar con outros xogadores a través do chat de voz e, dadas as súas prestacións sociais, tamén contará cun sistema de personalización de avatares que axudará a cadaquén a expresarse a través das súas escollas estéticas.

Tráiler de Just Dance VR

PUBLICIDADE