Entre na recta final o prazo para presentar propostas aos Premios GirlGeekPower
luns, 11 de setembro do 2023
O
prazo de presentación de candidaturas aos Premios
GirlGeekPower, unha das iniciativas enmarcadas na Cátedra de
Feminismos 4.0 que impulsan a Deputación de Pontevedra e a UVigo,
afronta os seus últimos días de apertura. Estes galardóns
repartirán 6.000 euros co obxectivo de estimular, apoiar e promover
os estudos STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e
Matemática) entre as alumnas da Universidade de Vigo dos campus da
provincia de Pontevedra. As candidaturas están abertas ata o próximo
mércores 29 de setembro.
Os
galardóns teñen dúas modalidades, unha para estudantes das ramas
de Ciencias e Ciencias da Saúde e outra para as de Enxeñaría e
Arquitectura, as dúas cun premio de 2.000 euros e un accésit de
1.000 euros. As candidatas deben estar matriculadas na Universidade
de Vigo no curso 2023-24 en 60 créditos en titulacións de grao ou
mestrado oficial nos campus de Pontevedra ou Vigo, ter superado un
mínimo de 60 créditos e unha nota media igual ou superior a 7 nas
titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, ou 8 nas
titulacións de Ciencias e Ciencias da Saúde.
Coa
solicitude, que se realiza cumprimentado un formulario en liña,
deberá incluírse unha carta de motivación detallando as razóns
que as levaron a estudar no ámbito das STEM e unha reflexión
persoal sobre a súa experiencia como mulleres nun eido
tradicionalmente masculinizado. No caso de que a solicitante
realizase estudos nunha universidade distinta á de Vigo, é
necesario presentar a certificación académica dos estudos cursados.
A
Cátedra de Feminismos 4.0 que impulsan a Deputación e a
Universidade de Vigo cumpre cinco anos co obxectivo de incrementar a
presenza de mulleres nas áreas STEM e evitar que se reproduza a
desigualdade de xénero no ámbito dixital. A través desta
iniciativa, ambas entidades buscan “acadar a promoción da
igualdade e a accesibilidade universal das mulleres no ámbito das
actuais sociedades da información”, sinalan dende as dúas
entidades.