Everis inaugura sede na Coruña e anuncia 30 novas contratacións
martes, 12 de abril do 2016
Este luns a compañía
de novas tecnoloxías Everis
inaugurou a súa nova sede na Coruña, na Torre de Cristal, unhas
instalacións que representan a aposta da multinacional española por
innovar en Galicia e “impulsar o talento dos traballadores da nosa
terra”. Así
o manifestou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen
participou no acto xunto co conselleiro delegado de Everis, Benito
Vázquez, e o director de Everis en
Galicia, Jesús Lage.
Entre
outras cousas, salientaron que a consultora tecnolóxica atesoura
máis dunha década de traballo en Galicia, onde emprega máis de 200
profesionais e onde todo apunta a que -grazas ás novas instalacións,
que duplican espazo- incrementará cifras de actividade, proxectos e
traballadores. De feito Everis anunciou na inauguración que prevé
incorporar en 2016 trinta persoas máis.
O conselleiro de
Economía destacou algúns dos fitos importantes de Everis na nosa
terra, por
exemplo a unidade mixta de investigación (proxecto eHealth) na
que Everis e o Centro Tecnolóxico Gradiant, coa colaboración da
Fundación Ramón Domínguez, desenvolven “tecnoloxías punteiras
para axudar os oncólogos a escoller os mellores tratamentos,
rebaixar os tempos de espera en urxencias, ou mellorar a autonomía
das persoas maiores”.
Conde tamén salientou
“a aposta da compañía pola compra pública innovadora”, como
“forma de entender a colaboración público-privada nun modelo de
innovación aberta”, e fixo fincapé “na oportunidade” que pode
supoñer para Everis o proceso que se está a desenvolver neste eido
en torno ao polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados
de Rozas.