Facebook quere atraer a creadores de YouTube e TikTok

mércores, 18 de marzo do 2026 Redacción

Facebook anunciou o lanzamento de Creator Fast Track, unha nova iniciativa coa que pretende atraer creadores doutras plataformas e facilitar o seu crecemento dentro da rede social mediante incentivos económicos directos e unha maior difusión dos seus contidos. A proposta inscríbese na estratexia da compañía para reforzar o seu papel dentro da economía dos creadores e competir con espazos como YouTube ou TikTok.
O programa está deseñado especialmente para perfís xa consolidados noutras plataformas que queiran iniciar ou retomar a súa actividade en Facebook. Un dos principais atractivos é a garantía de ingresos durante os tres primeiros meses, xunto cun impulso adicional no alcance das publicacións, en particular dos vídeos en formato curto (Reels), co obxectivo de acelerar o crecemento da súa base de seguidores.
En termos económicos, os creadores que conten con polo menos 100.000 seguidores en Instagram, TikTok ou YouTube poderán percibir ata 1.000 dólares mensuais, mentres que aqueles que superen o millón de seguidores nunha destas plataformas poderán chegar aos 3.000 dólares ao mes. Ademais, os participantes accederán de forma inmediata ás ferramentas de monetización de contidos de Facebook, sen necesidade de cumprir os requisitos habituais, o que lles permitirá seguir xerando ingresos máis alá do período inicial do programa.
A compañía de Mark Zuckerberg tamén sinala que non será obrigatorio crear contido exclusivo para participar na iniciativa, xa que se aceptará a reutilización de materiais previamente publicados noutras plataformas, sempre que cumpran as condicións establecidas.
Este movemento prodúcese nun momento de forte investimento por parte de Facebook na monetización de contidos. Segundo datos facilitados pola empresa, en 2025 destináronse case 3.000 millóns de dólares a pagamentos a creadores, o que supón un incremento do 35 % respecto ao ano anterior e marca un máximo histórico. Do total, arredor do 60 % correspondeu a Reels, mentres que o resto se repartiu entre historias, publicacións con imaxes e textos.
A plataforma destaca tamén o crecemento do número de creadores que superan os 10.000 dólares anuais de ingresos, cun aumento superior ao 30 % interanual, o que evidencia a consolidación deste modelo como vía profesional ou complemento económico.
Como parte desta actualización, Facebook introduce novos indicadores para mellorar a comprensión dos ingresos e o rendemento dos contidos. Entre eles figura o concepto de visualización cualificada, que identifica aquelas reproducións que poden xerar ingresos, así como a taxa de ingresos, que estima os beneficios por cada 1.000 visualizacións cualificadas. Ademais, incorporarase unha métrica que explica por que determinadas visualizacións non cumpren os requisitos para ser monetizadas.
Cómpre salientar que esta medida está limitada actualmente a EE.UU. e Canadá, descoñecéndose se no futuro trasladarán a práctica a Europa.