Facebook volve permitir a visualización de imaxes animadas
venres, 29 de maio do 2015
- As animacións en formato GIF reprodúcense coma se fosen vídeo dentro de Facebook
Hai preto dun ano
Twitter comezou a dar soporte nativo de animacións en formato GIF,
facilitando que estas populares animacións puidesen compartirse a través da
Rede de xeito masivo, e agora parece que Facebook está a seguir os seus pasos, e
aínda que non deixa subir aos seu sistema imaxes en formato GIF conservando a
animación, si permite a súa previsualización dende ficheiros externos.
Curiosamente Facebook si amosaba os GIF nos seus inicios, pero decidiron
eliminar o seu soporte ante o abuso deste formato, que tiña consecuencias moi
negativas no funcionamento do servizo (tanto polo seu impacto visual como polo
exceso de tráfico de datos que provocan).
Dende Facebook non fixeron un anuncio oficial desta nova prestacións,
posiblemente porque pode resultar bastante confusa, xa que a previsualización
non funciona con todos os servizos que xeran imaxes GIF, aínda que cando si
funciona á perfección é con plataformas compatibles con formato GIFv como Imgur
(que incluso conta cun servizo de conversión
de vídeo a GIFv). Outro detalle preciso é que para a incrustación das
imaxes é preciso que o seu enderezo web remate co seu nome de extensión, para
que Facebook teña doado identificar que e trata dunha imaxe animada.
En casos como o de Imgur Facebook non carga realmente a imaxe GIF creada polo sistema,
senón unha versión alternativa (GIFv) optimizada para vídeo, que ten un tamaño
moi inferior, o que sería unha técnica semellante á empregada por Twitter (que integra
as GIF animadas converténdoas en vídeo en MPEG-4).
Curiosamente o soporte de imaxes GIF parece estar limitado polo momento a
perfís persoais, de xeito que as páxinas de Facebook non poderían facer uso
desta tecnoloxía (as imaxes GIF incrustaríanse sen a súa respectiva animación).
En definitiva, que estamos ante unha nova funcionalidade que parece non estar
aínda completa, e que é de agardar que nos vindeiros días inicie o seu uso
masivo como acontece noutras plataformas sociais na web.