GALPon celebra o seu segundo sábado libre e publica unha guía sobre Raspberry Pi

mércores, 10 de xullo do 2013 Redacción

Imaxe dunha placa Raspberry Pi, fotografada por Liz e vista na Wikipedia

Seguen adiante, aínda que cunha breve parada de verán, as xornadas de divulgación programadas por GALPon no albergue da xuventude de Vigo. Falamos dos Sábados Libres na Altamar, que anunciamos hai uns meses en Código Cero e que xa xeraron dúas interesantes xornadas de traballo (unha en maio e outra, dupla, no mes de xuño) dando a coñecer o máis innovador (e prometedor) do xurdido arredor da programación aberta. A segunda das xornadas, a do 29 de xuño, na que participaron trinta persoas, adicouse á RaspberryPi. Tanto polo nivel de análise acadado arredor desta placa (un recurso de hardware libre de baixo custo desenvolvido en Reino Unido pola fundación do mesmo nome co fin de estimular o ensino en computación), como polo número de prazas cubertas (a totalidade das ofrecidas), a xornada foi cualificada de éxito de acollida.
En virtude desta repercusión e deste interese xerado, circunstancia á que cómpre engadir o escaso material dispoñible en galego sobre RaspberryPi, dende a asociación GALPon decidiron que sería de utilidade dispor dunha pequena guía en galego sobre como traballar coa dita placa, agrupando nunha mesma páxina wiki unha serie de dúbidas e ofrecendo unha solución conxunta. Segundo contan dende o colectivo e reflicte Mancomún, esta liña de traballo xerou a publicación dun manual de referencia das actividades realizadas na xornada, cunha licenza GFDL. Segundo se expón, “seguindo o habitual criterio do autor do mesmo, este manual é perfectamente comprensible polos usuarios noveis, as ordes están ben desbrozadas para que non haxa dúbidas ao respecto. Así mesmo a súa aplicación segue o principio de só Software Libre polo que todo o traballo está orientado a traballar sempre cun S.O. GNU/Linux”.
O manual abrangue o seguinte:

  • Creación dunha tarxeta básica de sistema con Raspbian
  • Transferindo o S.O. a un USB
  • Reciclando unha vella tarxeta SD de 1 GB
  • Instalación dun NAS con OpenMediaVault
  • Traballando con múltiples discos e UUID
  • Dispositivo externo de almacenamento
  • Servidor FTP
  • Cliente Torrent con almacenamento nun dispositivo externo
  • Caso práctico complexo