Bricolabs prepara, coa colaboración de Ghandalf, a súa nova edición das xornadas sobre hardware libre na Coruña
xoves, 14 de novembro do 2013
Para aqueles que non o saiban, non só hai software,
tamén hai hardware libre. Falamos de equipamentos ceibes de licenzas
pechadas que achegan unha incrible marxe de manobra, xa que na súa
natureza mesma vai implícita a adaptación a múltiples obxectivos,
funcións, tecnoloxías, usos e intereses. Destas cuestións teñen
un amplo coñecemento as nosas asociacións ligadas aos programas
abertos, asociacións como GHANDALF,
que o ano pasado por estas mesmas datas convidounos
a participar na primeira edición da OSHWDEM, xornadas de
hardware libre na Coruña. Pois ben, esta semana soubemos que vai
haber segunda parte. Así nolo contan Bricolabs (a entidade organizadora)
e a dita asociación (entidade colaboradora), que queren facer da nova edición do encontro
(e das que veñan) un evento de referencia en todo o que teña que
ver co Open
Source Hardware (OSHW).
A cita será no Centro Cultural Ágora de A Coruña
o sábado 30 de novembro e o domingo 1 de decembro. Trátase dun
evento de especial relevancia para todos os interesados en Open
Source Hardware, en Arduino, nas impresoras 3D, en GNU/Linux
embebido, en montaxe de circuítos electrónicos, nos robots ou na
electrónica en xeral. Segundo
nos recordan os organizadores e lembra Mancomún, haberá
charlas, obradoiros, espazos de exposición, proxectos persoais,
demostracións, concursos e agasallos. E engaden: “Todo de forma
libre e gratuíta, pensado para todas as idades, tanto para expertos
como para aqueles que queiran coñecer o movemento faino ti mesmo”.
A entrada para a OSHWDEM é de balde, aínda que
polo aforo e para participar nos concursos é preciso inscribirse
previamente no o formulario
de inscrición da páxina do evento. Os interesados en participar
nesta xornada cun espazo de exposición teñen aberto o Call4Makers!.
Para estar ao tanto de todas as novidades dende a organización
recomenda seguir a súa conta de twitter @OSHWDem.
Por certo que actividade forma parte das actividades que a asociación
GHANDALF desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración asinado
coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA),
e incluídas no Plan
de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.
