Galiza Sempre promove a posta en marcha da biblioteca dixital dos nacionalismos europeos

luns, 3 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Galiza Sempre vén de darnos a coñecer, co arranque da semana, o seu novo proxecto de coñecemento compartido, logo de propostas recentes no eido do dixital como por exemplo a mostra en liña de Feminismo galego, da que falamos hai pouco dende esta web. Agora é a quenda dos nacionalismos en Europa, que é o eixe temático do proxecto virtual Diliname, Digital Library of National Movements in Europe, iniciativa promovida por Galiza Sempre destinada a permitirlle á comunidade internauta a libre consulta de diversos manifestos de independencia na lingua orixinal en que foron concibidos e en versión inglesa.
Trátase, máis polo miúdo, dun acubillo de documentos fundacionais e de referencia de movementos políticos de nacións sen estado e rexións europeas agrupados no Centro Maurits Coppieters, CMC. Polo de agora, o proxecto alberga un total de 25 documentos, aínda que a previsión é a de recibir cada pouco novas incorporacións, así até converter o portal nun punto de referencia senlleiro das culturas e das nacións pendentes arestora de autodeterminación e recoñecemento.
Segundo informa Galiza Sempre, o Centre Maurits Coppieters (CMC), ligado a EFA-ALE (Alianza Libre Europea), agrupa dende 2007 representantes de diversos movementos nacionais que traballan en Europa pola autodeterminación e os dereitos culturais e lingüísticos dos seus pobos. Á fronte do Centro está, entre outros, Xabier Macía, director de Galiza Sempre e recentemente reelixido como presidente da dita entidade, no transcurso dunha asemblea xeral celebrada en Floria, Grecia, o 16 do mes pasado, e baixo os auspicios da Home of Macedoniam Culture, o equivalente a Galiza Sempre do pobo macedonio. Por certo que froito da mesma reunión acordouse tamén a incorporación á fundación do CIEMEN, Centre Internacional Escarré per a les Minories Ètniques i les Nacions, instituto catalán co que o nacionalismo galego ten ligazóns desde os anos 80.

PUBLICIDADE