Google inicia o lanzamento da aplicación de mensaxería Allo

mércores, 21 de setembro do 2016 Marcus Fernández

O pasado mes de maio, no marco do Google I/O, anunciáronse as aplicacións Allo e Duo, e aínda que a ferramenta de videoconferencia móbil Duo xa leva máis dun mes connosco, Allo estaba a facerse esperar, e por fin inician a súa distribución internacional, de xeito que nos vindeiros días pasará a estar dispoñible en todo o mundo nas súas versións para Android e para iOS.
Temos así que a aplicación móbil de mensaxería instantánea que promete máis intelixencia que os seus principais competidores comeza a súa loita para facerse con usuarios nun escenario dominado por WhatsApp e Facebook Messenger, facendo moi complicado que chegue a imporse por moito que conte con funcións innovadoras e veña da man de Google.
Con Allo podemos establecer conversas de xeito instantáneo, pero aproveitando certas funcións como as respostas intelixentes (para automatizar respostas rápidas para que cun único toque podamos responder si ou facer un comentario sobre unha imaxe empregando a intelixencia artificial para ir aprendendo o estilo do usuario de xeito que as suxestións que realice a aplicación parezan propias da persoa que as asina); súmase ás tendencias actuais de uso de emoticonas e adhesivos (con tamaños personalizables) e incluso permite debuxar sobre fotografías antes de compartilas; e tamén convértese no primeiro produto de Google en integrar o novo asistente da compañía (de xeito que esteamos a dicir adeus á marca Google Now) de xeito que este asistente pode conversar con Google achegando resultados de busca sempre que as consultas vaian precedidas por @google.
O asistente de Google en Allo permite achegar respostas da información máis recente sobre oes temas que son do interese do usuario (novas, información meteorolóxica, deportes, horarios do vindeiro voo... na liña do que xa facía Google Now), atopar lugares próximos (como restaurantes, bancos, estacións de servizo...) e axudar a facer plans cos amigos (irá introducindo funcións para facer reservas en restaurantes e incluso planificar viaxes).
Aínda que as comunicacións dentro de Allo estean cifradas, o sistema permite un nivel adicional de seguridade, de xeito que cando os usuarios o consideren convinte poderán realizar conversas de extremo a extremo facendo uso do modo Incógnito. Tamén inclúe outras funcións de privacidade como notificacións discretas ou vencemento de mensaxes.