Hyundai e Kia avanzan o coche de mañá: o automóbil con acceso sen fíos

martes, 8 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Un dos prototipos de Hyundai que podería albergar estes extras.

A Internet vai chegando a todos os recantos da nosa vida, e máis aínda se temos en conta que xa non ten porqué haber fíos que nola carrexen dunha beira a outra e que fagan necesarios equipamentos fixos. Dito doutro xeito: estamos sendo testemuñas, aínda que sen sabelo, dunha revolución de coñecemento móbil sen precedentes. Por iso que ninguén se estrañe se tecnoloxías xa máis asentadas como a automobilística botan man destes engadidos polos que tanto devecen, entre outras, todas aquelas persoas que agardan (e, de entre todas elas. as que teñen o óso máis duro de roer: as que agardan en aeroportos). Leas aparte e volvendo ao que nos ocupa, a rede sen fíos nos coches (Wi-Fi ou WiMAX), dicir que estes días foi presentado un proxecto a dúas mans que podería ser un prognóstico fiable do que acontecerá o día da maña entre Rede e automóbiles. Falamos da iniciativa anunciada por Hyundai e a súa filial Kia para ter no mercado en 2012 novos modelos equipados con servizos de banda larga sen fíos e acceso á Rede.
Segundo nos conta Lavidawifi.com, a tecnoloxía engadida terá un nome ben concreto, o termo WiBro, e será aplicada a propostas de ámbalas dúas multinacionais. Detrás deste desenvolvemento estará a firma KT, operadora coreana que leva tempo traballando coa dita tecnoloxía Wibro, estándar de Rede móbil de alta velocidade baseado en WiMAX e deseñada por Intel. Entre outras moitas cousas, o engadido achegaralles aos usuarios destes vehículos as mesmas vantaxes que calquera conexión fixa de alta velocidade, coa circunstancia especial de que viaxarán sobre as catro rodas. Porén, de entre toda esta información dispoñible cobra especial importancia aquela máis ligada á circulación: poderemos recibir todo tipo de datos sobre o tráfico, as estradas ou os puntos turísticos de interese, descargar películas para a familia ou ben coñecer os prognósticos do tempo, os puntos negros das estradas ou a información relativa a emerxencias e sinistros.

PUBLICIDADE