LibreCon volverá a Santiago en 2017 da man de AGASOL

mércores, 10 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Xa vai collendo corpo o que probabelmente sexa o evento de software libre máis importante do ámbito estatal a día de hoxe, o LibreCon, sobre todo entre aqueles encontros que teñen unha clara vertente empresarial. Ou sexa, unha vertente de xuntar forzar para facer do espírito da programación aberta, amais dun compromiso co social e co tecnolóxico, unha fonte de riqueza. Dáse a circunstancia de que novamente haberá notábel presenza galega detrás de LibreCon, tal e como tamén aconteceu na edición 2015, que fora impulsada por AGASOL, o Clúster TIC de Galicia e máis ASOLIF, entre outras entidades (por exemplo o Concello de Santiago). Pois ben, LibreCon vaise trasladar doutra volta a Compostela para celebrar a súa edición 2017, e vaino facer da man da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e de ASOLIF. Será os días 19 e 20 de outubro e o obxectivo será, esta vez, achegar solucións abertas aos novos retos da Industria 4.0 e o sector primario.
Tocaranse temas como os sistemas na nube, as cidades intelixentes, os drons, a tecnoloxía social, a economía colaborativa, a ciencia aberta ou o futuro da Sociedade do Coñecemento, e todo dende unha óptica open source, ou sexa, facendo fincapé en mostrar o moito que poden facer (e farán) os programas abertos para impulsar estes ámbitos da maneira máis axeitada e óptima posíbel.
Segundo lembra AGASOL facendo reconto, a última edición de LibreCon celebrada en Santiago recibiu a máis de 500 profesionais do mundo tecnolóxico e expertos en software libre, amais de servir de escaparate para presentar casos de éxito de grandes compañías e administracións públicas que están a aforrar custos e mellorando o seu negocio grazas ás tecnoloxías abertas. “Ademais, no marco do encontro celebráronse máis dun centenar de reunións empresariais”, engade a asociación galega, que tamén avanza que na seguinte convocatoria Galicia será novamente anfitrioa do evento, sendo o obxectivo “xuntar aos mellores expertos en cada unha das áreas de negocio que imos tratar no ámbito da industria das tecnoloxías abertas”. E engade Luis Fernández, xerente da entidade: “A capital galega converterase unha vez máis en epicentro da open innovation durante dous días”.
Segundo conta David Olmos, presidente de ASOLIF, “aínda que aínda estamos en fase de definición de áreas de interese e relatores internacionais, estamos seguros de que conseguiremos un elenco de expertos que farán de LibreCon o mellor foro para coñecer as tecnoloxías abertas máis innovadoras e facer o networking máis orientado”.
Olmos e Fernández engaden que nas vindeiras semanas iranse anunciando máis novidades acerca do evento, así como da apertura do prazo para presentarmos paneis e relatorios e as modalidades de colaboración e patrocinio.

PUBLICIDADE