Lugo acolle o día 7 o segundo wikimaratón do Día da Ciencia en Galego

venres, 30 de outubro do 2015 Redacción

Exterior da Biblioteca Intercentros de Lugo

Será a vindeira semana, o 7 de novembro, cando se celebre o segundo wikimaratón do Día da Ciencia en Galego. Un encontro promovido pola Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, a Galipedia e Proxéctate en Galego, coa colaboración de Nerd Nite Compostela. Esta actividade celebrarase na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, situada na rúa Bernardino Pardo Ouro. Comezará ás 10:30 da mañá e vaise desenvolver en sesións de mañá e tarde. Nesta xuntanza farase un obradoiro de introdución á edición da Wikipedia e logo traballarase para mellorar artigos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, facendo fincapé nos adicados cos temas elixidos para o Día da Ciencia en Galego 2015: a luz e os solos.
Esta xornada está aberta a todos os interesados en iniciarse na colaboración co proxecto da Galipedia e será unha boa oportunidade de achegarse ó proxecto da man de varios dos seus administradores.
Para os que os descoñezan, un wikimaratón é unha reunión (presencial ou virtual) convocada para editar e mellorar de xeito colectivo os contidos dunha Wikipedia sobre un tema ou unha serie de artigos relacionados con el. Adoitan estar promovidos por unha institución educativa ou cultural -neste caso a Universidade de Santiago de Compostela, a través da Biblioteca Intercentros e de Proxéctate en Galego- e buscan visualizar a comunidade da Wikipedia, favorecer o contacto entre os seus membros e facer máis doada a achega a ela de novas persoas. Para máis información e para apuntarse cómpre visitar o espazo en liña da Galipedia.

Programa de actividades

  • 10:30-11:20 - Presentación. Introdución á Galipedia e á edición co Editor visual (Elisardo Juncal, da Galipedia)
  • 11:20-11:30 - Planificación e distribución do traballo de edición (Os participantes que non o fixeran xa deben apuntarse na listaxe de abaixo).
  • 11:30-13:45 - Sesión de traballo 1
  • 13:45-16:00 - Xantar
  • 16:00-16:45 - Ciencia na sobremesa.- "Xogando coa mente marabillosa de John Nash" (Julio González Díaz, do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC)
  • 16:45-18:30 - Sesión de traballo 2
  • 18:30-19:00 - Remate e avaliación do Editatón

PUBLICIDADE