Makers.lugo introdúcenos o 2 de decembro na robótica de deseño aberto

martes, 21 de novembro do 2017 Redacción

A recta final de outono será, na nosa terra, unha boa oportunidade para que todos aqueles que aínda non saben en que consiste o espírito Maker, poidan mergullarse nel e dar os seus primeiros pasos como argalleiros tecnolóxicos. Se onte falamos da conta atrás para o comezo de Galicia Maker Faire, esta fin de semana na Cidade da Cultura de Santiago, hoxe lembramos que na banda de Lugo, quen queira enchouparse da filosofía de “faino coas túas mans”, vaino poder facer da man da asociación Makers.lugo, que está a preparar unha xornada (o 2 de decembro) de introdución á robótica de deseño aberto. Haberá conceptos básicos, primeiros consellos, demostracións e, en definitiva, crearase un ambiente propicio para que deamos os nosos primeiros pasos como creadores de robots.
O evento desenvolverase en horario de mañá, a partires das 10:30 horas. O lugar escollido é o habitual no grupo, o CEI-Nodus, no local D10. Segundo apunta a asociación, non será preciso carrexarmos ningún material propio nin facer achegas económicas, o evento é libre, sen embargo dende a asociación poñen a disposición das persoas interesadas un formulario onde dármonos de alta, para poder termos unha idea da cantidade de asistentes e interesados.
Makers.lugo é unha asociación sen ánimo de lucro, creada en xaneiro de 2014, co ánimo de contribuír á construción dunha sociedade baseada nos principios do libre acceso á tecnoloxía, impulsando actividades relativas a hardware e software libre. Dende a asociación organizan quedadas, obradoiros e charlas para introducir á xente no movemento Maker e nas súas amplas posibilidades de desenvolvemento, participación e democratización da tecnoloxía e a innovación.

PUBLICIDADE