Masacre estreará xogo para Xbox 360, PS3 e PC en xuño

xoves, 18 de abril do 2013 Marcus Fernández

Masacre, o mercenario bocalán dos comics da Marvel, contará en breve cun videoxogo desenvolvido por High Moon Studios e editado por Activision, aproveitando así a esta divertida figura que conseguiu ter un grande éxito no mundo da banda deseñada durante os últimos anos e que pretende trasladarse en xuño a Xbox 360, PlayStation 3 e PC, cando menos nos EE.UU., onde xa teñen fixada a súa data de lanzamento o día 25 de tal mes, segundo podemos ver nas páxinas web de GameStop e Amazon, onde xa é posible reservar o título para facerse con contidos descargables exclusivos como compensación pola compra anticipada.
Deadpool (nome de Masacre en inglés) será un xogo de acción en terceira persoa, con combates moi violentos e sanguentos e con multitude de armamento (katanas, pistolas, explosivos, cinta americana...) e incluso personaxes convidados (aparecerá no xogo algún membro dos X-Men) que buscará divertir coa axuda do humor do protagonista.
Aínda non está confirmada a data de lanzamento en Europa, nin as recompensas que obterán quen o adquiran, pero dende Amazon xa anuncian que ofrecerán contidos descargables e 5 dólares de crédito para a adquisición de novelas gráficas de Marvel; e en GameStop e EBGames ofrecerán aos clientes que reserven un fondo de pantalla exclusivo, novos mapas descargables e a posibilidade de asistir á festa de lanzamento do xogo na tenda de GameStop con máis reservas de EE.UU.

GameStop premiará aos clientes que reserven o xogo

ACTUALIZACIÓN (19-4-2013): Activision vén de confirmar que o xogo chegará a España o 28 de xuño, podendo reservarse nas tendas GAME e GameStop. Os que reserven o xogo en GAME poderán contar cun par de mapas descargables e un par de traxes de bonificación, mentres que nas tendas de GameStop agasallarán as compras anticipadas co número 1 do cómic da colección de Masacre editada por Panini e que ten un total de 112 páxinas.

PUBLICIDADE